
MARCOS ABALDE | ‘Ferrol Rebelde’ | Venres 22 abril 2016 | 8:32
García Niebla revoltábase contra unha «escola torturadora» e sacaba os seus alumnos daqueles fríos edificios para que coñecesen cos seus propios ollos fábricas, montes e monumentos. Camiñaban até corenta quilómetros e regresaban con «ferrados de saúde». Tiñan que enfrontarse a incomprensión da sociedade da época. Mesmo había quen os insultaba e humillaba cando se atopaba con eles pola rúa. García Niebla limitábase a aplicar os principios da «Institución Libre de Enseñanza». Coñecera a Giner de los Ríos na praia de Gandarío, en Bergondo. Foi o propio Cossio que llo presentou. Este extraordinario pedagogo afirmaba: «O noso ideal é a escola ao aire libre». Ademais, podemos considerar a García Niebla como un precursor do ecoloxismo. Organizou grandes plantacións colectivas de árbores. Transmitir a responsabilidade polo coidado da terra era unha festa. De feito, así era como lle chamaban: a Festa da Árbore.
O outro gran mestre que tivemos foi Francisco Iturralde. Este anarquista foi o fundador da Escola Racionalista situada na rúa Canalejas 159, hoxe rúa Magdalena 197. Esta escola era a única racionalista de Galiza. O proxecto xa existía en 1913 coa aparición do Ateneo Obreiro Sindicalista, mais non vai callar até 1932. Nela aplicábase a pedagoxía libertaria de Ferrer i Guardia: non se realizaban exames, non estaba permitido premiar nin castigar, había un respecto absoluto á vontade da crianza… Todo co obxectivo de facer persoas libres e «non loros nin autómatas». Apoiado polo anarcosindicalismo, a Escola Racionalista chegou a ter 150 escolares. A Confederación Rexional Galaica da CNT ía empregar esta experiencia como modelo para estender por toda Galiza. O seguinte soño de Franciso Iturralde era fundar unha Universidade Proletaria.
Fronte a un ensino autoritario e dogmático onde o habitual era o maltrato físico e psicolóxico, os mestres como compañeiros e a cultura como base da emancipación humana. En Ferrol estaban a ser aplicados os principios pedagóxicos máis avanzados de Europa. Precisamente por iso García Niebla e Francisco Iturralde foron asasinados en 1936. A semente que botaran estes mestres da liberdade prendeu con forza e o seu antagonismo pedagóxico continúa a impulsar o Ferrol rebelde.
*Os roteiros de ‘Ferrol Rebelde’ guiados por Marcos Abalde son os sábados e domingos, ás 11:00 e 17:00 horas e coa entrada de balde. Inscrición previa no teléfono 640 65 13 14.
Debate sobre el post