ARY LÓPEZ | Mércores 23 abril 2014 | 12:58
Miguel Moreira Barbeito (Ferrol, 1983) é doutor en Filoloxía coa especialidade de Lingüística. Recentemente, vén de publicar o libro Contra a morte das linguas. O caso do galego, editado por Xerais. A obra é resultado da súa tese de doutoramento dirixida pola escritora e profesora Teresa Moure. Nela, estuda un novo enfoque sobre a diversidade lingüística e advirte, entre outras cousas, da perda de falantes da lingua galega e enfatiza sobre a importancia de establecer pautas normalizadoras que garantan o porvir tanto deste coma dos outros idiomas do mundo.
En palabras do propio autor, Contra a morte das linguas «achega unha visión anovadora para a análise da situación das linguas do mundo, caracterizada por unha alarmante diminución da diversidade lingüística tanto no nivel planetario como no contexto local galego, reparando ao mesmo tempo en conceptos básicos como os dereitos lingüísticos ou os procesos de normalización».
O libro presentarase oficilmente o vindeiro luns, 28 de abril, na Feira do Libro de Santiago de Compostela, pero xa está á venda en librarías.
FERROL360 – A supervivencia dunha lingua depende exclusivamente do número de falantes que teña?
MIGUEL MOREIRA – Non, en absoluto. O criterio numérico non determina en moitas ocasións nin a supervivencia dunha lingua nin a súa desaparición. Son moitas as linguas que posúen un número reducido de falantes e que pese a iso subsisten tal e como o fixeron desde antigo. Entrementres, outras linguas que contan con millóns de falantes corren o risco de desapareceren nun curto período de tempo.
360 – A UNESCO alerta da posible perda de cara a finais deste século da metade dos 6.000 idiomas que coexisten na actualidade, senón se fai nada para salvalas. No teu libro, de feito, alertas da diminución da diversidade lingüística. Cal cres que é o mecanismo para tentar evitalo? Como se loita contra a morte das linguas?
MM – En efecto, a diversidade lingüística atópase nunha situación crítica, mais a solución non é única, en tanto que o problema é de natureza múltiple. En moitos casos particulares cómpre desenvolver procesos de normalización lingüística para que as linguas minorizadas recuperen o espazo que lles corresponde. Doutra banda, no contexto xeral, a solución, nun gran número de situacións, pasa por non empregar unha lingua natural para a comunicación internacional; pois este mecanismo xera innúmeros procesos de substitución lingüística que non se producirían de usarmos unha lingua artificial para a comunicación puntual entre dúas persoas de comunidades lingüísticas diferentes.
Con todo, non existen regras de aplicación universal, pois as medidas que resultan positivas para unha lingua europea poden ser devastadoras para unha lingua da Oceanía. Cómpre, pois, estudar cada caso.
360 – Existen “idiomas de moda”?
MM – Existen, si.
360 – Como se constrúen?
MM – Este feito vén de tempo atrás. Desde antigo foron moitas as linguas que por motivos políticos, económicos ou mesmo culturais gozaron dunha situación privilexiada con respecto das demais linguas da súa contorna. Podemos pensar no latín, no francés ou no quechua, outrora, así como no inglés, o mandarín ou o español, na actualidade. Linguas que aumentaron o seu número de falantes en detrimento doutras moitas.
360 – Cres que existe un mercado de linguas? Un espazo onde se deciden as linguas rendibles e as que non o son?
MM – O sistema capitalista baséase na transformación de todo o que nos rodea en mercadorías e as linguas non ficaron á marxe deste proceso. Moi ao contrario, os grandes centros de poder son conscientes das vantaxes que implica a extensión das súas linguas para satisfaceren os seus intereses. De aí que a escolla das linguas que na actualidade gozan dun maior prestixio internacional non sexa inocente.

Non entanto, esta concepción das linguas, que podemos incluír na categoría do imperialismo lingüístico, tampouco é de creación recente; xa Nebrija dicía que «a lingua é compañeira do imperio», referíndose á expansión do español en América parella á conquista deses territorios tras a chegada de Colón.
360 – Cal é, entón, o caso do galego?
MM – O caso do galego supón trasladar moitas das características que antes víamos no contexto xeral, ao local, ao particular. Isto é, unha lingua que, pese a contar con varios millóns de falantes e situarse, por tanto, entre as duascentas máis faladas do mundo, non ten garantido o seu futuro.
360 – Cales son as súas principais ameazas?
MM – Principalmente que non se está producir o traspaso xeracional. Ou o que é o mesmo, que unha importante porcentaxe dos e das falantes de menor idade xa non teñen o galego como lingua de instalación. De aí que sexa fundamental concienciarmos a sociedade da importancia que ten a súa participación directa no proceso de recuperación da lingua propia.
360 – Outros exemplos de idiomas que vivan situacións similares ao noso?
MM – Desafortunadamente son moitos os que comparten esta situación, como o éuscaro, o catalán, o bretón, o lacandón ou o abadi, entre outros moitos. Sería máis doado darlle a volta á pregunta e reflexionar sobre as linguas que non se atopan en perigo na actualidade. Pensemos que na década dos ’90 do século pasado xa se advertía que arredor do 90% das linguas do mundo desaparecería antes de rematar o século XXI de non facermos nada para o evitarmos.
360 – Que alternativas ou propostas de futuro advirtes para as linguas minoritarias?
MM – No caso das linguas minorizadas da nosa contorna cómpre adoptar tanto por parte das administracións encargadas de as promocionaren como de cadanseu conxunto de falantes, unha postura comprometida cara a elas empregándoas con normalidade. Nese momento serán os conflitos lingüísticos os que retrocedan, e non a linguodiversidade.
Debate sobre el post