Milladoiro en concerto en Narón

REBECA COLLADO | Sábado 9 xullo 2016 | 12:01

Noite de festa este sábado na parroquia de San Xiao, en Narón, cunha combinación perfecta: Sardiñada máis concerto gratuíto do grupo Milladoiro. A celeberación, que comezará ás 21:30 horas na pista polideportiva, está organizada pola asociación veciñal Ceibe San Xiao e o Concello de Narón.

O grupo de música folk será o encargado de amenizar a festa cos temas máis coñecidos da banda e tamén cos máis festeiros, asegura Pepe Ferreirós, un dos compoñentes da formación. E é que o obxectivo de Milladoiro é converte a San Xiao nunha auténtica festa na noite deste sábado.

FERROL360 – Como se presenta o concerto desta noite?
PEPE FERREIRÓS – Os asistentes atoparán a Milladoiro en estado puro. Tocaremos os temas de sempre, pero tamén algunha novidade. Hai pouco estivemos no concerto homenaxe a Manuel María, organizado polo Consello da Cultura, e tocamos temas musicados por nós cos textos do galardonado nas Letras Galegas. Normalmente non cantamos nos nosos concertos, pero meteremos un ou dos temas. Tamén tocaremos algúns novos, que aínda non están gravados.

Sempre tratamos de adecuar o repertorio segundo o sitio onde tocamos. Se actuas nun teatro convida a tocar temas máis intimistas, e se tocas ao aire libre o corpo pídeche algo máis festivo.

360 – Como se presenta a tempada de verán?
PF – En xeral, bastante ben, dentro da situación na que estamos. Levamos uns anos moi malos nos que a nosa música sufriu un varapalo forte coa crise. Moitos grupos desapareceron, a contratación baixou e a situación mudou moito. Para a xente que vive unicamente disto lle é irrespirable.

Agora parace que se quere empezar a mover un pouco, pero se as institucións non se implican máis é difícil porque este tipo de música parece que ten que ser gratis. As comisións de festas non reparan nos orzamentos das orquestras, pero esta música… a ver se cae ou a manda a Deputación.

É un problema grave para a cultura do país que non se apoie este tipo de iniciativas. Non estamos de acordo coas subvencións, pero outra cousa é que non se preste interese. Hai que cambiar un pouco o chip se non queremos volver 30 anos para atrás.

O folk galego nunca estivo tan ben. Hai unha cantidade de intérpretes boísimos, pero o problema é que despois non hai circuítos para traballar e non se pode pedir á xente que vaia gratis a tocar.

360 – O 17 de xullo estaredes no Festival de Ortigueira. Algunha cita máis por aquí pretiño?
PF – O día 30 de agosto estaremos en Ferrol e en Ortigueira a vindeira semana. No Festival imos presentar un DVD gravado en directo hai dous anos en Ortigueira cando fixemos o 30 aniversario. A cinta conta con imáxenes inéditas e históricas do festival, porque houbo un tempo que o Festival de Ortigueira e Milladoiro ían sempre da man.

360 – Hai oito anos que non publicades un disco e seguides traballando. Sodes un exemplo de que non é preciso editar un álbum cada ano para chegar á xente?
PF – Nós niso non cremos, nunca nos plantexamos que chega un novo ano e hai que facer un novo disco. Nunca nos procupou. Se nalgún momento determinado consideramos que temos algo que dicir o sacamos para adiante e se non, non.
Hoxe en día, cos novos medios, o disco xa non che promociona. Agora podes sacar discos como churros e non ter incidencia ningunha. Nós sempre fumos máis do directo, da música ao vivo, e os discos nunca nos preocuparon moito.

Milladoiro é un deses grupos que ofrece un directo vibrante e apaixoante, que engancha incluso a aqueles que non son folkies. Se queredes gozar dunha festa ao grande non o perdades, a partirees das 21:30 horas en San Xiao, en Narón.

Relacionadas