ARY LÓPEZ | Luns 11 novembro 2013 | 15:19
Cinco son os continentes deste planeta. Ou eran seis? Porque Antártida non podería ser considerado como tal, ou si? Sexan cinco ou sexan seis… que máis ten? Poucos listillos se atreverán a discutirmo nunha conversa de ritmo lixeiro, interesante, culta e de contido intelixente.
O que si sei seguro é que cinco son os actores de ‘Misión Sapiens’. Xoque Carbajal, Jouse García, Xabier Deive, Luis Iglesia e Marcos Orsi, -que tamén dirixe-, compoñen o elenco artístico dun espectáculo que ten por obxectivo desterrar a ignorancia da túa vida. Esa é a misión que deben cumprir estes homo sapiens que son expertos en grandes asuntos de interese para a nosa sociedade.
Logo de velos no escenario, os resultados son varios: poderás converterte nunha persoa máis mentireira, aparentemente máis sabia e aprenderás a comportarte como é debido. Tamén che doerá a cara de rir. Pero dos danos ocasionados, eles non se fan responsables.
Xoque Carbajal, fundador da compañía teatral Malasombra, exerce de presentador e condutor dunha serie de relatos expostos por cada un dos mestres da sabedoría que nos achegarán os coñecementos necesarios para poder desenvolvernos con soltura polo mundo adiante. Ademais, este equipo de grandes profesionais nos dará consellos prácticos sobre como adaptarnos xeitosamente nun grupo e triunfar entre os demais suxeitos.
Misión Sapiens, que se estreou o pasado mes de xuño, é unha obra construída con monólogos que xiran en torno a diferentes áreas temáticas. Saber de historia, cultura, deportes ou viaxes non che custará moito se atendes ás recomendacións dos protagonistas. Hai sátira, retranca e humor de patíbulo que eleva ao cómico as situacións máis dolorosas e extremas. Pequenos números musicais encabezan e pechan unha peza de estrutura circular onde os actores complementan as súas facetas artísticas.
Previo ao espectáculo que tivo lugar o domingo na casa da cultura de San Sadurniño, FERROL360 enfrontouse a cinco homes maduros, talentosos e expertos en xogar coas nosas emocións. Son quen de facernos rir ou chorar, ben sexa a través dunha pantalla ou enriba dun escenario. Nesta conversa, a liña entre a seriedade e a comicidade é difícil de trazar cando se está ante individuos que son capaces de poñerse na pel dun pallaso ou dun asasino cando o guión o esixe.

FERROL360 – Hai quen dedica gran parte da súa vida a formarse intelectualmente e vós asegurades que en menos de dúas horas nos faredes ser máis cultos. Como o conseguides?
XOQUE – Nós prometemos conseguir que durante ese tempo parezades máis cultos. Por exemplo, que pareza que viaxaches polo mundo sen saír da casa ou que es un experto cando entras nunha galería de arte.
360 – Dende a estrea de Misión Sapiens hai máis galegos e galegas cun maior intelecto e se comportan mellor grazas a vós. Sodes conscientes desta gran responsabilidade que estades a asumir?
XOQUE – Si, fixemos enquisas telefónicas, (risas). Agora a xente da o pego moito mellor. Antes trabábanse falando de calquera cousa e agora é unha marabilla, saben saír de moitas situacións.
MARCOS – O que a xente non sabe é que isto ten efectos secundarios. Ti aprendes como comportarte, como aparentar ser máis listo ou incluso o índice xusto para facer deporte e non pasarte. Pero non saben que inmediatamente cando empezan a rir, iso se borra. Cando saian do teatro, sairán peor do que entraron.
360 – Credes que ao ser humano lle custa menos mentir que dicir a verdade?
MARCOS – Claro que si. Eu atopo un compañeiro na rúa e cando me ensina o cochazo que comprou, se non me gusta non llo digo, porque vamos acabar discutindo…
LUIS – A mentira amáñache moitas cousas. É moi práctica, sobre todo para un actor. Pero penso que é a clave da interpretación. Sempre que contes unha mentira ten que haber unha parte de verdade, e o primeiro que o tes que crer es ti.
360 – Levades percorridos moitos escenarios galegos e xa tedes moitas datas pechadas ata fin de ano. Como se logra unha distribución tan ampla?
XOQUE – Levamos moito tempo traballando, coñecen a nosa compañía, saben a liña que levamos e cada vez traballamos un pouco máis. Imos facendo sitios novos e noutros nos que xa estivemos, repetimos.

360 – Estades xuntos en outros proxectos diferentes como Go On ou Smoke City, ámbalas dúas dirixidas por Marcos Orsi, que tamén leva o mando en Misión Sapiens. Orsi, como se leva iso de actuar e dirixirse?
MARCOS – Sempre é un marrón actuar e dirixirte. Pero a verdade é que cando o equipo é fabuloso é moito máis fácil. Ademais neste caso, ao ser monólogos tamén é máis fácil porque cada un ten a súa parte e non estamos todos en escena, salvo nos números musicais.
LUIS – Eu vou quedar de pelota, pero é a segunda vez que traballo con el e o dixen desde o principio, estou encantado. Gústame a xente que me da confianza e que demostra que ten moito talante porque iso é unha parte moi importante na dirección.
JOUSE – É certo. Creo que todos estamos de acordo. É un director que che da moita confianza para probar cousas, para que intentes aportar e si algo non funciona se cambia… dáche esa tranquilidade e faite sentir seguro actuando.
XABIER – Si. Esa paciencia de chegar o primeiro día e que non che saia nada… esa capacidade súa de esperar. Se hoxe non é, mañá xa será…
360 – A nivel individual, en que outras pezas andades a traballar ou con que proxectos estades actualmente ou tedes previsto realizar?
XABIER – Para o 2014 que todo sexa como o 13, que vaian vindo cousas, xestionalas e a traballar.
MARCOS – Eu non teño ningún proxecto. O 1 de xaneiro de 2014 estou libre. Non teño ningún compromiso polo menos a día de hoxe. Pero a nosa profesión é así. Unha cousa é ter unha empresa, pero nós de repente temos un espectáculo e logo non temos nada. Depende do calendario porque ó mellor en xaneiro temos varias representacións teatrais, un anuncio, un casting para unha serie… e hai momentos que non sabes ben que tes. Iso non é fácil de aguantar porque non é estable.
JOUSE – Tal vez esa é unha das cousas que nos fan engancharnos a este oficio, a inestabilidade de non saber que vai pasar dentro de quince días.
LUIS – Despois o que pasa é que co mundo da tele, a xente que te ve en pantalla pensa que sempre estás traballando. Aparte de que se pensa que os actores gañan moita pasta e iso non é de todo certo. Hai xente que gaña moito e outros que malviven con esta profesión.
XOQUE – De tódolos xeitos, eu confío en que con Sapiens, teremos actuacións polo menos ata final de verán.
360 – Por que non hai mulleres en Misión Sapiens?
XOQUE – Cando formamos Malasombra, estabamos Marcos, Jouse e máis eu. E por outro lado, Deive e Luis noutro proxecto. Como estábamos coma en dous equipos, xuntámonos os cinco nesta peza. Pero penso que no próximo espectáculo vamos ter mulleres. Estou canso de traballar só con homes (risas).
360 – Aínda que resulta algo difícil de responder… sodes máis de actuar para cámaras ou para butacas?
LUIS – Eu téñoo pasado moi mal en funcións de teatro e noutras, ante as cámaras, formidablemente e ao revés. Depende do produto e da xente coa que che toque traballar. Eu tamén fago dobraxe, pode parecer que non ten nada que ver coa interpretación pero aprendes moito, porque todo é interpretar e cada cousa ten técnicas distintas. O éxito e a popularidade non teñen nada que ver. Ao mellor fas unha cousa que a nivel persoal é un mérito pero tal vez non chegue a un gran público. O importante é que o pases ben.
JOUSE – Por outro lado, o teatro é máis inmediato. A resposta do público para ben ou para mal, tela no momento. E iso coa tele non pasa.
XABIER – O ideal sería que houbera de todo que che permitira estar en tódolos medios. A min gústame estar en contacto co teatro e coa cámara. Son diferentes e complementalos está ben.