Publicidad

Moeche abre este luns o prazo de inscrición para o campamento de verán Sementeira

FERROL360 | Domingo 4 xuño 2017 | 11:23

O Concello de Moeche convoca por segundo ano o campamento de verán Sementeira para facilitar a conciliar da vida persoal, familiar e laboral mediante actividades de caracter lúdico e educativo, dirixido a nenas e nenos de 3 a 12 anos.

Nesta edición, as actividades terán como fío condutor as artes no marco da cultura galega e terán como base o local social do Pereiro, en San Xurxo, e o polideportivo municipal. Tamén haberá saídas a diferentes puntos do concello e da comarca con actividades formativas e lúdicas que permitirán a formación dos participantes.

Así, haberá actividades na feira, na aula informática da Casa do concello, na área recreativa de Souto Grande, no castelo, na piscina, no centro cultural, pistas deportivas, patio da escola, filmación dun conto, construción dun castelo xigante, robótica, xincana de oficios, xogos de auga, danza, karaoke, desfiles, entre outros.

O campamento desenvolverase nos meses de xullo e agosto en horario de luns a venres, en dúas quendas: de 09:00 a 14:00 horas ou de 10:00 a 14:00 horas. A media mañá farase un descanso con merenda incluída, a cargo da organización.

O prazo de inscrición comeza este luns 5 de xuño e terán preferencia, tendo en conta a data de rexistro de entrada no Concello, as familias con algún membro empadroado en Moeche e os peques que estean matriculados no CEIP San Ramón. En segundo lugar as familias con algún dos membros con vinculación laboral no municipio.

Desde o Concello informan que en cada un dos casos anteriores, sempre terán preferencia as solicitudes que demanden horario madrugador, dende as 9:00 horas. Ofrécense 30 prazas en cada mes e na franxa horaria de 9:00 a 10:00 horas só se ofrecen oito. Ademais, se reservan dúas prazas para derivacións dos servizos sociais ou casos de urxencia por motivos familiares ou económicos.

A matrícula pódese realizar ata o 20 de xuño, de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas na Casa do Concello. Para máis información, pódese chamar ao teléfono: 981 404006 -extensión 1- ou consultar a web municipal.