FERROL360 | Sábado 3 marzo 2018 | 21:26
Un total de 85 mulleres de todas as idades acudiron este sábado á chamada do Concello de Moeche para facerse unha fotografía que visibilice a importancia social da muller, así como para reivindicar a igualdade plena.
A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, agradeceu a súa participación e avanzou que a fotografía colagarase «con orgullo nun lugar ben visible da Casa do Concello». A imaxe tomouse no acceso da nave do mercado e supuxo o arranque dos actos de celebración do Día Internacional da Muller que continuarán nos próximos días.
Bascoy explicou que «as mulleres representamos o 53 % da poboación do concello, e todas facemos Moeche día a día desde o traballo ou desde a casa, á fronte dun negocio, labrando na terra, coidando do gando, desde o ensino, a sanidade, atendendo a outras persoas e desde todos os ámbitos da vida».
Programa «Por ti, avoa»
Dentro dos actos do 8 de marzo desenvolverase o programa «Por ti, avoa» en colaboración co CEIP San Ramón. As nenas e nenos do colexio farán manualidades, escribirán poemas e cantarán cancións coas que agasallar ás súas avoas, como xeito de agradecerlles o que aprenden delas día a día, pero tamén de recoñecerlles o que significan nas súas vidas e na do concello.
A programación municipal do Día da Muller finalizará o sábado 10 no Centro Sociocultural Francisco Piñeiro, en Abade, ás 20.00 horas, coa proxección do filme «Os fenómenos», dirixido por Alfonso Zarauza. Será con entrada libre.
Ademais da programación municipal, a Asociación veciñal de Labacengos organiza unha cea de mulleres que terá lugar en Casa Pena o venres día 9 sobre as 21.30 horas. O prezo son 20 euros e durante a noite haberá varios sorteos. A data límite para apuntarse é este luns 5 de marzo e o aforo é limitado. Para inscribirse hai que chamar ao 606 729 038.
Debate sobre el post