FERROL360 | Sábado 5 marzo 2016 | 16:36
O Concello de Moeche celebrará nunha semana, o domingo 13 de marzo, a primeira edición da Feira do Queixo, un dos produtos que distinguen ao municipio. A cita comezará ás once da mañá coa propia apertura do festexo, pero serán moitas as actividades a desenvolver durante o resto da xornada.
Os postos venderán táboas de degustación dende as 11:30 horas e ofrecerase, xa dende as 12:00, un obradoiro de elaboración de pan de queixo para o público infantil, patrocinado por Lácteos de Moeche. Ao longo da mañá, no posto que terá a Casa do Mel de Goente, nas Pontes, ensinarase aos pequenos a facer candeas.
Tamén haberá música, a cargo do dúo de violín e guitarra Son do Ar entre as 12:00 e as 12:30 e de 13:00 a 13:30 horas. A organización recollerá dende as 12:00 os platos elaborados para o concurso de receitas con queixo. A entrega de premios, ás 17:30 horas. Antes, obradoiro de elaboración de queixo (16:00) e actuación da Escola de Cantareiras do Padroado da Cultura de Narón (17:00).
Oito establecementos da localidade incluirán nos seus menús desa xornada tapas feitas con queixo. Trátase do Bar Xambas, Bar Ubaldo, Casa Toñito, Bar A Terraza, Mesón O Campo, Taberna Irmandiños, Restaurante Casa Pena e Restaurante Delfino. No caso de Delfino, Casa Pena e O Campo, haberá a maiores os tradicionais callos como produto tradicional das feiras.
De feito, no recinto o público poderá degustar polbo á feira, con mesas interiores para gozar do adquirido, como queixos, mel, empanadas, pan ou embutidos. Aproveitando a festa, o castelo de Moeche abrirá ese día entre as 11:00 e as 14:00 e de 16:30 a 19:00 horas.