Publicidad

Mugardos conta ás horas para celebrar este sábado a XXVII Festa do Polbo

FERROL360 | Luns 3 xullo 2017 | 14:57

Mugardos festexará este sábado 8 de xullo un dos seus días grandes coa celebración da XXVII Festa do Polbo. Na carpa ubicada no parque da Constitución serviranse un total de 3.700 racións de polbo á mugardesa, unha receita a base do preciado cefalópodo, cachelos, cebola, pemento verde e vermello, allo, aceite de oliva, sal gorda, pimentón picante e doce e laurel.

A ración terá un prezo de dez euros e inclúe viño e un pedaciño de pan. Ademais, os asistintes poderán levar o prato e a cunca de cerámica de Buño. Tamén haberá empanada de polbo a dous euros.

Este ano, como novidade, o Concello de Mugardos facilitará a venda anticipada de tíckets desde este mércores na oficina de recadación do Concello. O mesmo día da festa poranse á venda ás 12:00 horas e ás 13:00 horas está previsto que a carpa abra as súas portas.

Para facilitar o desprazamento ata a zona da festa, o Concello habilitará un bus lanzadeira desde A Pedreira entre as 12:30 e as 16:00 horas. Para os que prefiran achegarse a Mugardos en lancha disporán de viaxes cada media hora entre 13:00 e as 16:00 horas.

Despois de gozar da parte gastronómica, a festa continuará cun parque de inchables gratuíto para os peques de 17:00 a 20:00 horas no Cantón de Cora. A música comezará ás 13:30 horas coa actuación de Trópico de Grelos pola zona do peirao. Ás 18:00 horas tomarán o relevo Kilomberos de Monte-Alto pola Avenida de Galicia e ás 23:00 horas actuación da orquestra Top Líder, no Cantón de Cora.

A Festa do Polbo de Mugardos está declarada de Interese Turístico Galego.