FERROL360 | Venres 30 marzo 2018 | 13:47
O Concello de Mugardos convoca a XVI edición do Certame de Relato Curto en Galego con tres categorías para infantil, mocidade e adultos. O prazo de presentación estará aberto durante 15 días hábiles contados a partir do vindeiro luns, día 2 de abril, e o fallo darase a coñecer, como en anos anteriores, o 17 de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas.
O certame conta con tres categorías: a primeira, para nenos e nenas de ata 12 anos; a segunda, para idades de 13 a 17; e a terceira, para iguais ou maiores de 18 anos. Os premios son bonos para a compra de libros por valor de 100, 200 e 400 euros, respectivamente. Na categoría infantil, o xurado poderá elixir mencións especiais que recibirían, no seu caso, un diploma.
Os relatos estarán escritos en galego e serán de tema libre. Terán unha extensión máxima de dez folios, en formato DINA4 por unha cara. Presentaranse mecanografiados a dobre espazo, cun corpo de letra de 12 puntos e con título. Os traballos deberán ser orixinais, inéditos e non premiados noutros concursos.
Cada autor ou autora poderá presentar un máximo de tres relatos e terá opción a un único premio. Nun sobre pechado irán tres copias do traballo sen firmar e co pseudónimo elixido no exterior. Dentro irá outro sobre pechado cos datos persoais, aos que se engadirá unha fotocopia do DNI e unha declaración de aceptación das bases. Se é posible presentarase o relato tamén en soporte informático.
Os traballos poderán entregarse no rexistro municipal do Concello de Mugardos ou ben enviarse por correo certificado coa seguinte dirección: XVI Certame Relato Curto Concello de Mugardos; Concellería de Política Lingüística do Concello de Mugardos; Avda. de Galicia, 45; 15620 Mugardos (A Coruña).
O Concello resérvase a propiedade dos relatos premiados e os seus dereitos de publicación.