FERROL360 | Mércores 8 xullo 2015 | 10:51
O Ciclo do Día da Patria Galega en Fene arranca este venres cun concerto da cantante cedeiresa Guadi Galego, que presentará o seu segundo traballo como solista Luas de outubro e agosto. A cita será este venres ás 22:00 horas na Praza do Concello.
O programa de actos comeza este venres e desenvolveranse ata o 17 de xullo con actividades de balde baixo carpa na Praza do Concello. Así, o luns 13 de xullo o Mago Román traerá un pouco de maxia co seu espectáculo Labirinto de ilusións 2.0. A función, na que se mestura a maxia e historias cómicas, será ás 22:00 horas.
O X Festival de Habaneiras Concello de Fene chegará o martes día 14 de xullo, ás 22:30 horas coa participación das corais polifónicas do CPS de San Valentín, ACDR O Pote de Maniños, SCRD Agarimo de Sillobre e Eterna Xuventude do Centro Social de Fene, así como as rondallas Estrelecer do CMI Unidade de Fene e Perla do Río do CCRD de Perlío.
Para o mércores 15, está preparada unha nova edición da Xornada de Convivencia Interxeracional Concello de Fene. Nesta festa, que comezará ás 20:00 horas, distribuirase gratuítamente churrasco, bola e empanada (até rematar existencias). Tamén haberá zona de xogos para nenos e ao redor das 22:30 horas o grupo Los Zares porá música á festa.
Novamente haberá unha función de maxia, neste caso a cargo do mago Dani García, que o xoves 16 de xullo porá en escea o ofrecerá o seu último espectáculo, Don Gelati na Praza do Concello de Fene. Será a partires das 20:00 horas.
Para pechar o ciclo, o venres 17 de xullo ás 20:00 horas, procederase á Lectura da Declaración Institucional a carón do monumento Día da Patria Galega, no parque liñal do Río Cádavo. No acto intervirá o escritor fenés Pablo Bouza Suárez, autor da declaración e, ao remate, o Coro Infantil da SCRD Agarimo de Sillobre interpretará o himno galego.