FERROL360 | Xoves 28 abril 2016 | 15:12
A parroquia de Pedroso encherase de actividades durante as vindeiras semanas para celebrar a «Romaría da O». Así, haberá música, obradoiros, unha comida campestre e, como non podía ser doutro xeito, a tradicional peregrinación. Os actos comezarán este sábado e continuarán a fin de semana do 6, 7 e 8 de maio.
A programación arranca este sábado coa inauguración dunha exposición fotográfica, composta por duascentas imaxes, sobre Pedroso e a súa xente no século XX. Será no local social da Pombiña. Pola tarde, a partir das 17:00 horas, comezará un obradoiro no que se elaborarán as roscas de pan polas que se poxará, como marca a tradición, o domingo 8 de maio na sesión vermú.
A actividade do primeiro día de festa continuará ás 20:00 horas, cunha Parodia da Romaría da O a cargo do Grupo de Teatro da Pombiña. O venres 6 de maio retomaranse os actos festivos cunha marcha cicloturista na que participarán escolares do colexio de San Sadurniño, Virxe do Mar e CRA de Pedroso, de Narón.
As celebracións litúrxicas e a música darán continuidade ao programa o sábado 7 e o domingo 8 de maio. Os dous días haberá misa cada hora entre as 9:00 e as 13_00 –esta última campestre e con procesión- na capela da O e o domingo tamén ás 17:00 horas. A sesión vermú do sábado correrá a cargo de Diego Alma e na verbena nocturna estarán Pecados e Fania Blanco Show.
Tradicional peregrinación
O domingo celebrarase a tradicional peregrinación desde o mosteiro do Couto ata a capela da O, que comezará ás 9:00 horas e consiste nun percorrido a pé estimado dunhas dúas horas. Este ano colaborarán na actividade da Concellerías de Deportes e Seguridade Cidadá, que prestarán apoio con monitores e cun desfibrilador como medida de seguridade.
As persoas interesadas en realizar esta camiñata –que nun tramo se xuntará con outros romeiros procedentes de Narahío e do Val- deberán anotarse no local social da Pombiña. Os que completen o traxecto percibirán unha O, unha especie de compostelana acreditando a súa peregrinación.
Ás 12:30 horas terá lugar a tradicional procesión dos roscos de pan desde o local da Sociedade Cultural e Recreativa da Pombiña cara ao campo da festa, un traxecto no que os asistentes estarán acompañados polo Grupo de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón, que amenizará o percorrido. Na sesión vermú participará o grupo de música tradicional No Cómbaro.
Pola tarde haberá música e baile, con actuacións do alumnado das Escolas de Baile e Música Tradicional do Padroado da Cultura de Narón; xogos populares e bautismos de aeromodelismo xunto ao campo da festa, a cargo do grupo de aeromodelismo da Pombiña.
Comida campestre
Os romeiros que o desexen poderán comer o día 8 baixo unha das dúas carpas que se ubicarán no campo da festa a prezos populares. O menú, a base de churrasco, liscos, chourizo, bebida, postre e café ten un prezo de 15 euros para os adultos e de cinco para nenos de ata dez anos. Os tickets poden adquirirse o día da romaría ou anticipadamente no local social da Pombiña, se ben se fan reservas en Maxipedroso ou chamando ao número de teléfono 659 468 455.
Debate sobre el post