Publicidad

Música, obradoiros e zona food-trucks no II Sons na Cortiña

FERROL360 | Sábado 27 agosto 2016 | 17:56

A festa continúa na finca da Cortiña, en San Sadurniño, coa celebración do II Sons na Cortiña este domingo. Despois de acoller a VIII edición da Feira Rural, chega a quenda dunha oferta cultural e gastronómica dirixida a público familiar e xuvenil.

O festival abrirá ás 14:00 horas cunha sesión vermú con Milómanos, o grupo formado por Milo Aguiar, Manu Pérez, Julián Martínez e Antón Casal, que se move entre temas propios e versións de clásicos do pop, o rock e o blues. Xunto coa música, o público tamén poderá petiscar e mesmo xantar no propio recinto, xa que a organización reservou unha zona food-trucks onde se servirá todo tipo de comida rápida de calidade.

Sobre as 16:30 horas comezarán os obradoiros de grafitos e de elaboración de chapas. Dúas actividades abertas a todo o público pero especialmente pensadas para a infancia e a mocidade, que estarán dirixidas por Artelladas e a escola Gazapo, cunha longa traxectoria na dinamización de grupos xuvenís.

A esa hora tamén está prevista unha exhibición do club Brío, que amosará unha das súas últimas montaxes coreográficas, promocionando ao mesmo tempo a rítmica e o baile moderno entre a xente nova de ambos sexos.

Programa de concertos

A partir das 17:30 horas xa se encadearán os catro concertos previstos. O primeiro deles correrá a cargo de Los Plutones e o seu percorrido pola historia do rock para nenos. O grupo combina a música con pequenas historias que fan de fío condutor do concerto e como excusa para a interactuar co seu público.

The Lákazans subirán ao escenario ás 18:45 horas para tocar as súas cancións con ritmos do soul, o blues e o country inspiradas en Elvis, Dylan e Neil Young. A banda fai versións de clásicos deses estilos musicais aos que, pouco a pouco, están incorporándolles temas propios.

A continuación, tocarán dous pesos pesados da música en Galicia na actualidade: Sandford Music Factory e Familia Caamagno. Os locais Sandford Music Factory actuarán sobre as 20:15 horas co seu estilo propio e inconfundible, que multiplica a súa potencia cando tocan en directo.

O último grupo que actuará no Sons na Cortiña, sobre as 21:45 horas, será a Familia Caamagno. Cun amplo repertorio, todo en galego, o seu estilo lévanos directamente ao pop-rock dos 60/70 dos Standells, os Easybeats, The Birds ou The Kinks.

Para seguir toda a actualidade do evento podedes seguir a de páxina de Facebook do festival e tamén esta web, onde xa se están publicando desde hai uns días imaxes e outros contidos relacionados co festival.

A cita está promovida pola Concellería de Mocidade en colaboración coa asociación cultural AC/DZ, Artelladas, a escola multidisciplinar Gazapo, o club Brío e a Deputación da Coruña.