Publicidad

Nace en Fene o colectivo poético Moraima, ‘A Grafía da emoción’

FERROL360 | Martes 5 decembro 2017 | 10:36

Un grupo de persoas que participaron nun obradoiro de escritura literaria celebrado en Fene decidiron unir forzas e crear o colectivo poético Moraima, ‘A Grafía da emoción’. Unha agrupación que busca promover a creación en lingua galega e espallar a fala, a cultura e a tradición por toda a comarca.

A elección do nome, Moraima, obedece á idea de resaltar «a simbiose existente entre o poema de amor de Celso Emilio Ferreiro e a palabra Poesía, pois ao substituír a palabra Moraima pola palabra Poesía nese poema, descubrimos que reflicte á perfección a esencia da poesía e a razón de ser dunha/dun poeta», indica o colectivo nun comunicado.

Trátase dun proxecto aberto e por iso a agrupación fai un chamamento «a todas aquelas persoas creadoras de poemas, ás persoas sensibles coa poeía e co mundo literario en lingua galega» a unirse a este colectivo. Explican que se reunirán dúas veces ao mes en Fene e nos encontros proporanse temas a partir dos que iniciar o proceso creativo.

Asimesmo, tamén comentarán as obras propias e alleas e incluso preparar actos e recitais. En definitiva, xuntanzas que sirvan «para mergullarse no mundo literario galego ou para aprender unhas persoas das outras», sinalan.

Matilde Castro, Maribel Serantes, Mariola Hermida, Araceli Margareto, Candela Quintia, José Emilio Balado, Adelaida Abad, María Ortega, Mónica Cadavid, Xurxo Miguel Gago, Esther Val e Andrés C.M. Riveira, son os integrantes do grupo

As personas que desexen formar parte de Moraima ,’A Grafía da emoción’ ou estar ao tanto das súas actividades poden contactar co grupo a través do correo electrónico: clmoraima@gmail.com ou seguir o seu blog.