Publicidad

Narón abre o prazo de inscrición no programa «Bule con Alcer» para persoas con enfermidade crónica

FERROL360 | Venres 18 marzo 2016 | 14:11

O prazo de inscrición para participar na iniciativa sobre exercicio físico e psicosocial para persoas con enfermidade crónica e familiares de Narón xa está aberto. Esta actividade, organizada por Alcer en colaboración co Concello de Narón, enmárcase no programa «Bule con Alcer».

A proposta, de balde, diríxese a persoas de Narón con enfermidades crónicas e os seus familiares. A convocatoria comezará este mes no Centro Cívico Social de Xuvia, previsiblemente os martes e xoves de 10:30 a 12:00 horas. A primeira hora adicarase á actividade física e os últimos trinta minutos a talleres, sesións sobre información alimentaria, etc.

As inscricións deben formalizarse nos Servizos Sociais do Concello e tamén se pode obter máis información no teléfono 676.801.473 ou no correo: bule@alcercoruna.org. Unha vez cuberta a inscrición convocarase unha titoría individual para evaluar o estado da persoa e adaptar o programa en función das patoloxías detectadas e das limitacións diarias derivadas da mesma.

O concelleiro de Sanidade, Octavio Dopico, presentou a actividade con Javier Reyes, coordinador de Actividade física e saúde de Alcer e Julia Redondo, integrante da directiva da entidade. Dopico salientou que profesionais de educación física e educadores sociais serán os encargados de impartir o programa, que ten como obxectivo promover a actividade física e os hábitos de vida saudables.

O edil de Sanidade animou á veciñanza a participar nesta iniciativa e recordou que o Concello organiza ao longo do ano varios programas encamiñados a acadar estes mesmos obxectivos con diferentes colectivos.

Pola súa banda, Javier Reyes asegurou que desde Alcer «estamos moi satisfeitos co desenvolvemento deste programa, que se convoca en dez concellos da provincia» e valorou o apoio do Consistorio naronés, un ano máis, ao mesmo.

A continuación, Julia Redondo, integrante da directiva, apuntou que «os usuarios melloran a nivel físico e psicolóxico, co que nos interesa que este programa chegue á maior cantidade posible de xente».