FERROL360 | Sábado 7 novembro 2015 | 12:06
Fin de semana moi activa no eido deportivo en Narón coa celebración este sábado do XIII Trofeo Cidade de Narón de Tiro con Arco, no pavillón de As Lagoas, e do XXIII Trofeo de Natación Cidade de Narón 2015 no pavillón polideportivo da Gándara. Na primeira proba participarán 93 arqueiros e na segunda douscentos nadadores.
O Trofeo de Tiro con Arco comezará ás 14.50 horas e o expresidente do Club Arco Narón, Anxo Grandal, destaca a «cantidade e calidade» dos participantes na proba, avanzando que contará coa asistencia do arqueiro pontés Miguel Alvariño, recentemente proclamado campión da final da Copa do Mundo de Tiro con Arco.
Un total de dezanove clubes desta modalidade deportiva, procedentes na súa maioría de diferentes localidades galegas pero tamén de Madrid e Castela León, participarán nesta cita, na que competirán integrantes dun total de doce categorías diferentes, tal e como destacou o expresidente do Club Arco Narón.
Ás 13.30 horas terá lugar a apertura do campo, coa recepción dos arqueiros, a revisión de material e as tandas de adestramento. A primeira serie da competición desenvolverase a partir das 14.50 horas e ás 16.20 haberá un descanso.
As probas correspondentes á segunda serie iniciaranse ás 16.30 horas e ás 18.00 ofrecerase un refrixerio aos participantes para, ás 18.30 horas, comezar as tandas eliminatorias, proclamar aos vencedores e, finalmente, proceder á entrega de trofeos.
A maiores do Trofeo Especial que levará o participante que obteña a maior puntuación do round a diana triple vertical, tanto na modalidade de Recurvo como na de Composto, a organización anunciou que os tres primeiros postos en cada categoría terán dereito a un premio final no podio.
Trofeo de Natación Cidade de Narón
Esta proba deportiva disputarase no complexo polideportivo da Gándara, a partir das 17.30 horas deste sábado. Uns douscentos nadadores participarán nesta competición, representando a nove clubes galegos entre os que se atopan os da comarca: CN Ferrol, Marina, CN Cedeira e Náutico de Narón.
Entre os asistentes estarán algúns dos participantes na vindeira proba do Campionato de España absoluto, como Marcos García e Laura Santalla, de Ferrol; Noelia Gómez e Virxinia Naya, de Arteixo e David Lata, de Santiago, entre outros. A naronesa Raquel Fernández e Lorenzo Ortiz e Vicente Pérez, do Náutico de Narón, estarán tamén entre os participantes.
O clube organizador, o Náutico de Narón, entregará uns premios individuais, ao tratarse da décimo terceira edición do Memorial Javier Lago, ás tres mellores puntuacións pola tabla FINA.
Debate sobre el post