Publicidad

Narón acollerá a finais do mes de maio o XI Encontro escolar de xogos tradicionais

FERROL360 | Mércores 26 abril 2017 | 10:11

O alumnado dos centros educativos públicos e concertados e centros de ensino non universitario de Galicia é o destinatario das actividades programadas no XI «Encontro escolar de xogos tradicionais», organizado polo Padroado da Cultura de Narón e pola asociación Brinquedia -Rede Galega do Xogo Tradicional-.

A vicepresidenta do organismo, Marián Ferreiro, presentou a iniciativa xunto ao secretario de Brinquedia, Iván Montes, e con Xabier López e Alberto Casal, coordinador de voluntariado e colaborador, respectivamente, da asociación.

A cita terá lugar o sábado 27 de maio nas instalacións do colexio do Feal, en horario de 11.00 a 18.00 horas. Ferreiro salientou a importancia deste tipo de propostas para «difundir o patrimonio lúdico galego entre a cidadanía e a recuperar unha gran variedade de xogos tradicionais, ao tempo que fomentar un espazo de relación entre o alumnado, profesorado e as familias que participen».

Os representantes de Brinquedia e a vicepresidenta do Padroado da Cultura animaron á cidadanía a implicarse nesta convocatoria, participando activamente nos xogos programados para esta nova edición do «Encontro escolar de xogos tradicionais».

O secretario de Brinquedia explicou que «os xogos da mañá están máis pensados para o público infantil, se ben pola tarde haberá máis presencia dos dirixidos aos adultos, aínda que tamén poderá participar o alumnado».

Carreiras de sacos, zancos, chapas, arrastraboias, corda, ra, brilé, peón, pano, tres pés e carrilanas forman parte da trintena de xogos cos que poderán gozar os asistentes á convocatoria. Persoal voluntario dos Centros de Formación Profesional Ferrolterra, de Ferrol, e do Ángel Casal da Coruña dirixirán os xogos que terán lugar en horario de mañá.

Ás 14.00 horas haberá un descanso para xantar e, xa pola tarde, a partir das 15.30 horas, terá lugar o espectáculo teatral -para público familiar e infantil-, Paporrubio, a cargo da compañía que leva o mesmo nome.

A continuación, darán comezo as exhibicións de billarda, loita galega, cocha, chaves, lanzamento de goxo e birlos celtas e tamén os obradoiros de construción de enredos, nos que as nenas e nenos terán a oportunidade de elaborar os seus propios xoguetes, axudados por monitores. Sobre as 18.00 horas está previsto o remate do Encontro, coa entrega duns agasallos aos participantes.

As persoas que desexen participar poderán inscribirse a través dos centros educativos ata o vindeiro 11 de maio. Para obter máis información pódese consultar esta páxina web.