FERROL360 | Sábado 9 xaneiro 2016 | 17:32
O pasado ano o Concello amortizou un total de 2,2 millóns de euros de débeda bancaria, pasando de adebedar 8,7 millóns de euros a 6,5 millóns. O goberno de Narón cancelou un préstamo bancario e gran parte doutro, a través dunha amortización anticipada por importe de 807.918 euros en 2015.
Desde o Concello sinalan que o esforzo realizado desde as diferentes áreas permitiu, que a maiores da cantidade prevista de amortización, se habilitase esta nova partida, con cargo a remanentes de tesourería do ano 2014.
«A estabilidade orzamentaria do Concello permite realizar este tipo de operacións coas que amortizar de xeito anticipado algúns préstamos bancarios», advirte a alcaldesa accidental, Marián Ferreiro.
O feito de amortizar eses 2,2 millóns permitiu reducir considerablemente a cantidade, que en concepto de xuros dos préstamos, ten que abonar anualmente o Concello ás entidades bancarias.
«Este tipo de accións responden a un dos puntos acordados no seu día na sinatura do pacto de goberno entre TEGA, PSOE e BNG sobre a política de reducción de débeda», engade Ferreiro.
Así mesmo, a alcaldesa accidental subliñou o feito de que «puidemos facelo sen desatenter os principais investimentos previstos durante o ano 2015 e, obviamente, atendendo ao investimento en política social, que é a prioridade do goberno local nestes tempos de crise».