FERROL360 | Venres 9 setembro 2016 | 17:17
O Pleno de Narón deu luz verde este venres a unha modificación de crédito por importe de 1,5 millóns de euros procedentes dun superávit consolidado de 3,5 millóns do exercicio de 2015. Do total da partida, 928.000 euros destinaranse ao pago de débeda bancaria e uns 575.000 a investimentos -adquisición de bens e actuacións de eficiencia enerxética, entre outros-.
O concelleiro de Promoción Económica, Pablo Villamar, defendeu o equilibrio orzamentario do Concello, «tal e como se constata nos informes técnicos», e destacou a importancia de reducir a débeda bancaria con cargo a esta partida, «o que nos permite continuar reducindo a cifra destinada a pago de intereses ás entidades bancarias».
Villamar salientou o feito de que o pasado ano se executase o 82 % do orzamento de gasto e incidiu en que as partidas relacionadas con áreas como Servizos Sociais «executáronse nun cen por cento» e no feito de que moitos dos investimentos recollidos responden a actuacións de carácter plurianual.
Na sesión plenaria aprobouse tamén un expediente de modificación de crédito por importe de 30.749 euros que se destinará ao servizo de Axuda no fogar, para persoas con dependencia, e un recoñecemento extraxudicial de crédito duns 5.700 euros para o pago de facturas.
Debate sobre el post