FERROL360 | Venres 18 setembro 2015 | 10:59
Dentro dos actos programados para celebrar a «Semana do Corazón», organizada por Amicor e coa colaboración do Concello de Narón, este venres terán lugar unha charla na que se falará sobre os riscos cardiovasculares e o desfile solidario Mulleres en vermello. As citas serán no local social do Couto ás 18:30 e 19:30 horas, respectivamente.
Despois do desfile solidario haberá tamén unha sesión de bailes de salón, unha actuación do cantautor ferrolán Marcos Mella e outra da coral Entre elas, formada integramente por mulleres. Os asistentes deberán entregar na entrada algún alimento non perecedeiro, roupa de segunda man ou calzado, para doalo ao Centro de Recursos Solidarios de Narón.
Ademais, a organización recomenda acudir vestidos de cor vermella para facer un guiño ao lema internacional da campaña «Go red», en alusión á cor do sangue. Este actos foron presentados este xoves polo concelleiro de Sanidade, Octavio Dopico, a edil de Acción Social, Catalina García, o presidente de Amicor, Conrado Vilela e Carlos Piñeiro, integrante da entidade.
A concelleira de Acción Social, Catalina García, agradeceu aos organizadores esta colaboración co Centro de Recursos Solidarios de Narón. A edil naronesa participará activamente na cita presentando a charla e tamén desfilando.
Pola súa banda, Dopico advertiu das elevadas mortes que ano tras ano se rexistran entre o colectivo feminino debido a problemas cardiovasculares. Na mesma liña se pronunciou Carlos Piñeiro, que aludiu aos problemas existentes, en ocasións á hora de detectar estas doenzas no caso das mulleres.
Programa de actividades
As actividades da «Semana do Corazón» continuarán este domingo cun acto de irmandamento coa Asociación Cardíaca Trébol de Corazones de Cádiz, que realizará a primeira etapa do Camiño Inglés. O 26 de setembro realizarase un obradoiro sobre Opcións de vida cardiosaudable, que impartirán cardiólogos e médicos. Será ás 11.00 horas no local social do Couto, en Narón.
Tamén convocarase un taller de alimentación cardiovascular baixo o lema «Cómete el arcoíris», que informará aos asistentes sobre os beneficios de comer un mínimo de cinco pezas de froita e vexetais ao día.
Os edís naroneses fixeron un chamamento á veciñanza para que acuda á convocatoria deste venres, contribuíndo na medida das súas posibilidades a esta cita solidaria que permitirá axudar ás familias de Narón e da comarca a través do Centro de Recursos Solidarios.