Publicidad

Narón celebra esta semana varios actos polo Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto

FERROL360 | Martes 24 xaneiro 2017 | 9:42

Dentro da programación deseñada polo Concello de Narón e a Asociación Memoria Histórica Democrática, con motivo do Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto, durante esta semana terán lugar varios actos no municipio con conferencias, exposición fotográfica e unha cerimonia en lembranza das vítimas.

Así, este martes no CPI do Feal terá lugar unha charla sobre «Galegos en Mauthausen», na que o historiador Enrique Barrera e outros integrantes da asociación abordarán os asasinatos do réxime nazi na era do Holocausto. Será ás 16:30 horas.

Cabe lembrar que no centro educativo do Feal permanecen expostas unhas corenta fotografías sobre «Galegos en Mauthausen», que permanecerá aberta ata finais deste mes.

O venres 27 de xaneiro celébrase o Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto, unha xornada convocada desde o ano 1945, coincidindo co aniversario da liberación do campo de concentración de Auschwitz.

Nesa data o Concello celebrará unha ceremonia que consisitirá no acendido de seis velas sobre unha mesa. Con elas recordarase aos xudeus, nenos, persoas de etnias consideradas inferiores e republicanos españois asasinados en Mauthausen. Este acto tamén é en lembranza daquelas persoas que lograron salvarse e das que axudaron a salvar vidas.

O acto comezará ás 10:00 horas e no mesmo participarán representantes da corporación local, da Asociación Memoria Histórica Democrática e medio centenar de alumnas e alumnos de terceiro e cuarto curso de ESO do CPI do Feal, que nos últimos días realizan nas aulas traballos relacionados coa época da Segunda Guerra Mundial.