FERROL360 | Mércores 19 novembr0 2014 | 15:33
O Concello de Narón xa ten todo listo para celebrar este domingo o Día de Narón. Exposicións, actuacións musicais e degustacións de produtos típicos son algunhas das actividades que compoñen o programa de actos. Todas desenvolveranse baixo unha carpa instalada na Praza de Galicia e serán de balde.
Así, a partires das 11:00 horas abrirase a carpa na que se poderá visitar a exposición das actividades e traballos realizados nas distintas asociacións durante este ano. Ás 12:00 horas terá lugar a actuación dos grupos de baile e de gaitas do Padroado de Cultura de Narón.
A continuación, ás 13:00 horas comezará a sesión vermú, que estará amenizada polo grupo Pasión. Pola tarde, dende as 17:30 horas, continuarase a festa co mesmo conxunto musical. Ademais, durante toda a xornada haberá degustacións de produtos típicos (tanto pola mañá coma á tarde).
Os máis pequenos da casa poderán divertirse durante toda a xornada cos inchables e os obradoiros de maquillaxe e globoflexia, entre outros, pensados especialmente para eles.
O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, convida a toda a cidadanía a participar desta celebración que este ano cumpre o seu 21º aniversario. E é que foi no ano 1993 cando se acordou establecer unha festividade propia para o municipio.
Ademais, este ano o 23 de novembro cobra unha importancia especial, posto que Narón ten acadado xa a cifra de 40.000 habitantes, consolidándose así como a oitava cidade galega.