FERROL360 | Domingo 29 maio 2016 | 11:31
Esta fin de semana o Auditorio municipal de Narón acolle o I Congreso Galego de Seguridade e Educación Vial Cidade de Narón, organizado desde a Concellería de Seguirdade Cidadá, e no que participan preto dun cento de persoas.
O alcalde, José Manuel Blanco, inaugurou oficialmente a convocatoria este sábado destacando a implicación do Concello na materia a través do programa de Educación Viaria. Blanco aludiu aos recoñecementos obtidos a nivel nacional, a través da plataforma Atresmedia, cos premio «Ponle Freno» nos anos 2011 e 2014.
O rexedor subliñou que «consideramos que non hai mellor xeito de respaldar e consolidar este tipo de iniciativas que promovendo novas actividades nesta área para traballar no eido da prevención e reducir as taxas de sinistralidade nas estradas».
Outro dos participantes na xornada inaugural, o director Xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, salientou a importancia de reducir a sinistralidade viaria. Para conseguir este obxectivo sinalou que «a ferramenta máis eficaz, persistente e bonita é a Educación Viaria».
Menor destacou o traballo realizado polo Concello de Narón nesta área, asegurando que «falar de Narón e de Educación Viaria son palabras maiores porque este Concello é un modelo a seguir». Antes de rematar a súa intervención, comprometeu o respaldo da administración autonómica asegurando que «o apoio da Xunta e desta dirección Xeral nunca vos vai faltar».
A importancia da educación
O relatorio inaugural impartiuno o Fiscal de Sala e Coordinador de Seguridade Viaria da Fiscalía Xeral do Estado, Bartolomé Vargas que explicou que «un tercio dos delitos rexistrados en Galicia están relacionados coas infraccións de tráfico», polo que apelou á responsabilidade da cidadanía.
«A solución máis drástica do dereito Penal é a prisión e o Ministerio Fiscal non a desexa, é o último recurso, pero hai que aplicala se os xuíces así o determinan». Vargas recalcou que «a sanción tamén educa e debemos persistir na educativa e na prevención, fundamentais para a seguridade vial».
Mentres, Francisco González-Llanos, xefe do servizo de Neurociruxía do hospital Virgen de la Salud de Toledo, falou sobre os accidentes de tráfico e ás súas consecuencias a nivel médico. «O número de facelementos por accidente de tráfico o ano pasado está ao nivel da década dos sesenta, pero agora hai trinta e un millóns de vehículos e antes había un millón», salientou o especialista.
Seguridade, tráfico e consecuencias
Os temas abordados na primeira mesa de traballo foron a seguridade, tráfico e as súas consecuencias. Xa pola tarde, a primeira tenente de alcalde de Pontevedra ofreceu unha conferencia sobre a evolución do centro urbán de Pontevedra desde o ano 1999, coa peatonalización do casco histórico. Tamén houbo tempo para falar sobre proxectos e plans urbáns de seguridade viaria e mobilidade e sobre a educación viaria nas etapas educativas e a aportación dos axentes educadores.
O programa do Congreso remata este domingo co relatorio sobre coordinación de programas de Educación Vial e a mesa de traballo sobre estratexias para a coordinación de programas de educación viaria en Galicia.
Debate sobre el post