FERROL360 | Venres 5 xaneiro 2018 | 10:31
O complexo polideportivo da Gándara acollerá este domingo unha nova edición das Xornadas solidarias Mari Carmen Caballero. Nesta cuarta edición participarán os clubes locais Cidade de Narón, Silver P6 e Deportivo Lodairo e a cita servirá un ano máis para recadar alimentos para o Centro de Recursos Solidarios.
As persoas que asistan a estas xornadas deberán doar, alomenos, un quilo de alimentos. Azucre, cacao, pasta e conservas de verduras, carne e pescado son os alimentos que máis precisan as familias que acuden ao Centro de Recursos Solidarios.
Por outra banda, o C.D. Lodairo e o Silver P6 anunciaron que desde este mércores se poden realizar doazóns de alimentos nos establecementos Café Bar Ramil, na avenida Souto Vizoso de Narón; no Café Bar Belando, da rúa Manuel Belando de Ferrol, e na cervexería Silver, no número 576 da estrada de Castela, en Narón.
Os partidos comezarán ás 18.45 horas co encontro entre o Cidade de Narón e o Silver P6. O seguinte será sobre as 19.30 horas e enfrontará ao Silver P6 e ao Lodairo e desde as 20.15 será o encontro do Lodairo e o Cidade de Narón.
Na presentación do evento deportivo, o presidente do C.D. Lodairo, Álvaro Couzo, agradeceu ao Cidade de Narón «que contasen con nós para participar nestas xornadas, ás que estamos encantados de asistir». O presidente do Silver P6, José Antonio Villasuso, destacou tamén a implicación do Cidade de Narón e do Concello neste evento deportivo.
O concelleiro de Deportes de Narón felicitou ao Cidade de Narón por organizar un ano máis estas xornadas solidarias. «É un placer colaborar neste tipo de iniciativas que impulsan clubes locais neste caso», apuntou Romero, que destacou que «este evento é precisamente especial porque ademais de ter un carácter solidario implica a tres clubes de Narón».
O edil animou á veciñanza a acudir ao partido para poder colaborar unha vez máis co Centro de Recursos Solidarios de Narón, «algo que a veciñanza da cidade fai sempre que organizamos calquera tipo de iniciativa solidaria e que quero aproveitar a ocasión para agradecerlles a todas e a todos os naroneses e tamén ás persoas que se achegan e colaboran desde outros concellos».
Estas xornadas deportivas e solidarias renden homenaxe a Mari Carmen Caballero, unha veciña de Narón que apostou firmemente polo deporte en xeral e, en particular, polo fútbol sala e o atletismo.
Debate sobre el post