REBECA COLLADO | Ferrol | Xoves 22 septiembre 2016 | 15:01
As Concellerías de Cultura de Narón e Ferrol recuperan a colaboración iniciada o pasado ano a través da Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil. Se en 2015 Ferrol sumouse a esta iniciativa do Padroado da Cultura de Narón cunha única función, nesta ocasión a colaboración é completa e o Teatro Jofre acollerá as mesmas obras que o Pazo da Cultura.
Marián Ferreiro e Suso Basterrechea, edís de Cultura de Narón e Ferrol, amosaron a súa satisfación por retomar unha relación de colaboración entre ambos departamentos cun programa no que non compiten polo público, xa que está adicado aos centros escolares de cada municipio.
A XXXIV Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil de Narón foi presentada este mércores no Concello de Ferrol por Ferreiro, Basterrechea e a edil de Mocidade de Ferrol, Saínza Ruíz. No programa participarán un total de cinco compañías de teatro, que representarán un total de 48 funcións –30 en Narón e 18 en Ferrol- entre os meses de outubro e decembro de 2015.
Os Concellos ofertan esta actividade gratuíta, incluído o desprazamento, aos centros escolares de educación infantil, primaria, ESO e Bacharelato. Ademais, ás representacións de Narón tamén acoden centros de Valdoviño, San Sadurniño, Neda, Mugardos, Ares e Pontedeume. As Concellerías calculan que este ano pasarán pola mostra preto de 10.000 escolares.
Basterrechea e Ferreiro salientaron a importancia de achegar o teatro aos maís novos con esta mostra, xa que é a mellor forma de crear público. «Intentamos fidelizar ao público de menor idade, dándolle a oportunidade de ver diferentes espectáculos teatrais de balde para así poder manter esa afición», remarcou Ferreiro.
Por la súa banda, o edil de Cultura de Ferrol asegurou que «esto é o que a xente espera de nós. Apostar pola cultura de base» e fixo fincapé na relevancia da mostra, que «achega aos centros algunhas das mellores compañía de teatro do Estado». Precisamente, esta colaboración entre Ferrol e Narón permite un aforro conxunto de preto de 20.000 euros, indicou a concelleira naronesas.
Programa
A mostra arrancará os días 17 e 18 de outubro en Narón e o 19 e 20 en Ferrol, coa compañía Abrapalabra Creacións Escénicas e a súa obra Memorias dun neno labrego. As representacións dirixiranse neste caso a alumnado de 3º e 4º de ESO e Bacharelato.
A continuación, será o turno dunha compañía procedente da Escola de Teatro de Narón, Ghazafelhos, que estreará Rubicundo os días 24, 25 e 26 de outubro en Narón e o 27 e 28 en Ferrol, para alumnado de educación Infantil.
No mes de novembro, os días 8 e 9, a compañía Gorakada representará Moby Dick en Narón e o 10 e 11 en Ferrol, para estudantes de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO; os días 16, 17 e 18 Talía Teatro porá en escena Rosa caramelo e outras historias en Narón e os días 14 e 15 dese mesmo mes en Ferrol.
Por último, a compañía Teloncillo representará Múuu do 28 ao 30 de novembro e o 1 e 2 de decembro en Narón e o 25 de novembro en Ferrol para alumnado das garderías. Neste caso, as obras terán lugar nas propias escolas infantís, aínda que no Café Teatro do Pazo da Cultura de Narón tamén haberá un pase para os peques que non estan escolarizados. Neste punto, Basterrechea remarcou que en Ferrol é algo novidoso levar o teatro as escolas infantís.