FERROL360 | Martes 17 maio 2022 | 21:15
A Praza da Lectura, nas Vivendas da Mariña de Santa Icía, acolleu este martes os actos deseñados polo Concello con motivo do Día das Letras Galegas. O programa N de Narón, a festa das letras incluíu varias propostas, todas elas de balde, dirixidas a público familiar e comezou a desenvolverse baixo unha carpa instalada na zona ás 12:00 horas, co espectáculo Diferentes diferenzas, de Silvia Penide.
Ás 12:45 foi a quenda de Xarope Tulú, que representou a peza de teatro interactivo Rilla, Rilla a través do que aprender galego e moi dinámico, para que o público, que foi o protagonista, tivese a oportunidade de interactuar. A programación seguiu pola tarde cun obradoiro de pintura sobre cartón reciclado e a representación de Jara Ortiz co seu espectáculo Lúa triangular.
Tamén houbo tempo para a narración oral e a música de Aldaolado coa súa Ovella Engracia e o peche con As Efémeras e o concerto das Letras. Ademais, durante todo o día participaron as librarías locais Day e Pasapáxina, organizando as sinaturas de libros de Miguel Anxo Romero, Leandro Lamas e Paula Merlán. A Biblioteca municipal participou así mesmo amosando na carpa varias das publicacións de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado este ano.