FERROL360 | Xoves 9 abril 2015 | 11:12
Este mércores celebrouse o Día Internacional do Pobo Xitano, unha data que o Concello de Narón conmemora cada ano con diferentes actos e que nesta ocasión contou cunha novidade especial, xa que por vez primeira homenaxean a unha persoa destacada pola súa traxectoria persoal.
A elexida foi Carmen Romero Salazar, pola súa loita diaria por coidar da familia. E é que esta muller ten fillos, netos e ascendentes ó seu cargo. As súas ganas de seguir adquirindo coñecementos e de integrarse plenamente na sociedade tamén foron factores fundamentais para a súa elección.
«Carmen é un exemplo de que as persoas debemos ser tratadas con respeto, educación e igualdade», indicou a concellería de Acción Social de Narón, Catalina García. A homenaxeada recibiu un ramo de flores e diversos obsequios institucionais durante a recepción institucional na Alcaldía.
Pola súa banda, o alcalde sinalou que Narón viña conmemorando esta data desde hai anos, pero decidiron dar un paso máis e homenaxear a unha persoa anónima, que «sirve de exemplo para as demais porque á súa idade aínda segue preparándose e estudiando, e iso é o que queremos recoñecer hoxe aquí».
A continuación, os representantes municipais acompañados por integrantes do pobo xitano e da asociación Secretariado Xitano desprazáronse ata a Praza de Galicia, onde deuse lectura ó Manifesto do Pobo Xitano e se procedeu á tradicional solta dos globos cos cores da bandeira xitana: vermello, verde e azul.
Actualmente, o Concello de Narón está a atender a 272 persoas de etnia xitana distribuídas en diferentes parroquias, das cales un centenar son nenos Con este colectivo se traballa en distintas áreas, sendo o ensino e a vivenda as principais liñas de actuación.
