Publicidad

Narón inicia unha campaña de recollida de xoguetes no Centro de Recursos Solidarios

FERROL360 | Sábado 28 novembro 2015 | 13:13

O Concello de Narón inicia unha campaña de recollida de xoguetes para o Centro de Recursos Solidarios. As persoas que desexen colaborar poden facelo donando xoguetes novos ou de segunda man, a través dalgún dos dispositivos habilitados para a recollida.

Así, poderán entregarse ata o vindeiro 10 de decembro nos centros educativos de Narón e nas Escolas Infantís Municipais, na academia September, en Xuvia, e na Biblioteca Municipal do Alto, en horario de luns a venres de 09.30 a 13.30 e de 16.00 a 21.00 horas, os sábados de 10.00 a 13.00 horas.

Tamén se recollerán no Centro Cívico Social do Alto ata o 19 de decembro, nun festival solidario de Fojeteiros que se celebrará na mesma data na praza de Galicia, e na propia nave do Centro de Recursos Solidarios de Narón, neste último caso os martes e xoves de 09.00 a 12.30 e os mércores de 17.00 a 19.30 horas.

Persoal do centro encargarase de recoller os xoguetes e tamén de entregalos aos adxudicatarios o 30 de decembro, de 16.00 a 20.00 horas na nave do centro. As persoas que queiran colaborar na campaña de clasificación, recollida e organización de xoguetes deberán presentar unha solicitude no Servizo Sociocomunitario Municipal.

Por outra banda, aquelas persoas que queiran solicitar algún xoguete de cara á chegada da tempada do Nadal poden facelo ata o vindeiro 18 de decembro cubrindo unha solicitude no Servizo Sociocomunitario Municipal.

A concelleira de Acción Social de Narón, Catalina García, animou á veciñanza a sumarse a esta iniciativa solidaria «pensada para as familias con escasos recursos económicos e co obxectivo de que os nenos e nenas non queden sen agasallos nunha data tan sinalada na infancia como é o día de Reis».