FERROL360 | Luns 7 marzo 2016 | 10:08
A Concellería de Formación de Narón oferta cinco acción formativas para persoas desempregados da localidade, e maiores de 18 anos, dentro do programa municipal «Habilita 2016». Así, hai cursos de peixeiro; electricidade básica; panadería e bolería; xestión de almacén-carretilleiro e conversa en inglés.
As accións formativas impartiranse no Centro Municipal Irmás Froilaz entre os meses de abril e xullo, dependendo da opción elixida, e poderán beneficiarse das mesmas un total de 75 persoas, quince por cada curso. O prazo de inscrición, nun máximo de dous cursos, rematará o 23 de marzo.
O curso de peixeiro terá unha duración de 300 horas e desenvolverase do 1 de abril ao 28 de xuño; o de electricidade básica terá a mesma duración e impartirase do 4 de abril ao 29 de xuño. O de panadería e bolería, unha das novidades do programa, consta de 310 horas formativas desde o 8 de abril ata o 7 de xullo. Nos tres realízanse prácticas en empresas, cunha duración de 100 horas.
As sesións de xestión de almacén-carretilleiro terán unha duración de 100 horas e, as de conversa en inglés de 80 horas, se ben nestas últimas é un requisito imprescindible ter uns coñecementos mínimos dese idioma, debendo superar os aspirantes ás prazas unha proba de nivel.
A concelleira de Formación, Natalia Hermida, destacou o compromiso do goberno local con esta área e asegurou que «con este tipo de cursos ofrécese ás persoas desempregadas a posibilidade de formarse en distintas materias, o que sen dúbida, no caso de finalizar con éxito as sesións, lles permitirá ter máis facilidades á hora de optar a un posto de traballo».
Así mesmo, Natalia Hermida animou ás persoas que cumpran os requisitos establecidos a inscribirse nos cursos e agradeceu «a colaboración que sempre nos prestan as empresas para completar aínda máis a formación do alumnado».
Inscricións
As persoas interesadas en anotarse deben cumplimentar unha instancia dispoñible no Rexistro Xeral do Concello e na web municipal. Teñen que entregar os documentos no Rexistro municipal de luns a venres, en horario de 8.30 a 13.30 horas.
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. O alumnado que resulte admitido recibirá unha comunicación do Concello para que presente a documentación requerida nestes procedementos, para o que disporá dun prazo de tres días desde esa comunicación.
Para obter máis información pódese contactar co persoal do Servizo Sociocomunitario, a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións: 1123/ 2602/ 1120 e 1107)
Debate sobre el post