Publicidad

Narón organiza obradoiros de educación alimentaria para os pequenos da casa

FERROL360 | Luns 28 xullo 2014 | 11:39

Os obradoiros de educación alimentaria trasládanse dos centros de ensino de Narón, onde se levaron a cabo durante este curso, á Biblioteca do Alto e á Ludoteca de A Solaina durante o verán. Cada obradoiro ten unha duración de 4 días, dividido en sesións de 50 minutos, e nestes momentos estase a desenvolver na Ludoteca de A Solaina.

Os insteresados en participar deben inscribirse previamente na Biblioteca Municipal do Alto, onde terá lugar o obradoiro do 6 ó 11 de agosto. Ofértanse un total de 15 prazas por grupo e hai dúas franxas de idades para os participantes: de 3 a 6 anos, e de 7 a 12 anos.

Así, o programa de actividades dirixido a nenos de 3 a 6 anos está composto por aprendizaxe de: lavado de mans; froitas e verduras (ensinarase a coñecelas, e fomentarase o consumo de tres a cinco pezas diarias; os cinco grupos de alimentos no meu prato (para coñecer a importancia de comer variado); o almorzo e ¡lava os dentes!.

O programa de actividades dirixido a nenos de 7 a 12 anos contén o seguinte aprendizaxe: lavado de mans; hixiene alimentaria na cociña (os microbios perxudiciais poden transmitirse a través da comida, e hai que saber cómo evitalos); os cinco grupos de alimentos no meu prato; impacto azucarado e pasapalabra alimentario.

O programa de educación alimentaria xurde da necesidade de educar e concienciar ós nenos acerca da importancia de seguir unha dieta equilibrada e variada, e de adquirir hábitos saudables. En cada sesión abórdanse contidos e actividades relacionadas coa nutrición, a hixiene, a seguridade alimentaria e o consumo.