FERROL360 | Mércores 18 maio 2016 | 18:31
Adquirir coñecementos básicos de kárate para poder autodefenderse, para tratar de evitar un posible risco inminente e ser capaces de pedir axuda son os obxectivos do «I Taller de Autodefensa para mulleres», que organiza a Concellería de Deportes de Narón. Un taller que se impartirá en dous cursos nos meses de xuño e outubro.
A inscrición nos cursos, que terán un máximo de vinte prazas cada un, será gratuíta e terán preferencia as mulleres de Narón, que deben ter máis de 15 anos para poder asistir. O prazo de matrícula para a primeira convocatoria abrirase o día 23 de maio e pechará o 1 de xuño.
As primeiras sesións terán lugar os días 3, 10, 17 e 24 de xuño entre as 18:30 e as 20:00 horas no local da Escola Superior de Kárate, nos números 17-19 da rúa San Avelino, en Freixeiro. Mentres, o segundo curso será os días 7, 14, 21 e 28 de outubro, á mesma hora, no pavillón da Solaina.
Para esta opción, o prazo de matrícula manterase aberto do 22 ao 30 de setembro, ambos incluídos. Nos dous casos é preciso anotarse nas oficinas do Servizo de Deportes, no Complexo Polideportivo Municipal da Gándara, en horario de 9:00 a 13:00 horas.
O encargado de impartir as sesións será o profesor da Escola Superior de Kárate de Narón, Gustavo Vázquez, que explica que «se adquirirán unha serie de coñecementos de kárate moi útiles para as persoas sen coñecementos de autodefensa».
O edil de Deportes, Román Romero, animan ás mulleres de Narón a participar nesta actividade porque «trátase dunha gran oportunidade para coñecer unha serie de técnicas básicas que en determinadas situacións poderán ser moi útiles».
Romero avanzou tamén que tralo último taller, se convocará ás participantes nas dúas convocatorias para asistir a unha charla que impartirá unha psicóloga a través dunha colaboración coa colaboración da Concellería de Igualdade, presidida pola edil Teresa Sabio.
Debate sobre el post