FERROL360 | Luns 12 maio 2014 | 17:38
O concelleiro de Servizos de Narón, Pablo Mauriz, vén de solicitar a colaboración da cidadanía para intentar frear o roubo das barras de ferro que suxeitan os contedores do lixo. E é que no último mes tense producido o roubo de 20 barras deste tipo, co evidente prexuízo económico que isto supón.
As zonas nas que se produciron os furtos son diversas, dende a urbana ata a rural, especialmente en A Solaina e Sedes. Estes actos de vandalismo supoñen un gasto aproximado de 8.000 euros, que o Concello deberá desembolsar para volver a repoñer as barras que suxeitan estes contedores, que resultan imprescindibles por cuestión de seguridade.
Por este motivo, o edil de Servizos solicita a colaboración cidadá no caso de que alguén aprecie ou vexa algún tipo de comportamento sospeitoso relacionado con estes roubos. «Nese caso, rogamos que os veciños avisen ó Concello ou á empresa Urbaser», indicou Pablo Mauriz.
Desgraciadamente, este comportamento vandálico non é un feito illado, posto que nos últimos anos véñense producindo diversos roubos de cable de cobre, tapas e sumidoiros en diferentes puntos do municipio.
Debate sobre el post