FERROL360 | Mércores 9 maio 2018 | 17:13
O alumnado dos coles de Narón que este mércores acudiron a clase camiñando, en bici o monopatín recibiron como recompensa un almorzo gratuíto cun boliño de pan, leite con cacao e mandarinas. A iniciativa enmárcase no programa da Semana da Mobilidade e Educación Viaria de Narón.
As Anpas dos colexios colaboraron co Concello na entrega deste almorzo entre as 8.30 e as 9.10 horas. Do mesmo xeito, o persoal que traballa no Concello e que acudiu tamén a pé, en monopatín ou bicicleta puido desgustar un almorzo de balde na cafetería do Consistorio e poderá saír hoxe media hora antes do seu posto de traballo, ás 14.00 horas.
Esta tarde a programación continúa na Praza da Gándara co Parking Day. No marco desta proposta, entre as 17.00 e as 18.00 haberá clases de guitarra; de 18.00 a 19.00 unha actividade de pintura ao aire libre, aberta á participación do público en xeral, e de 19.00 a 20.00 unha sesión de zumba, tamén de balde e na que poderán participar todas as persoas que o desexen.
Para rematar a xornada de hoxe, o Café Tetro do Pazo acollerá entre as 18.00 e as 20.00 horas un obradoiro dirixido a embarazadas sobre Seguridade no automóvil-Sistemas de retención infantil e ao rematar, a presentación do proxecto Apego, de socialización de menores en galego.
Programa do xoves
As patrullas de policía en bicicleta continuarán o xoves durante todo o día percorrendo as rúas da cidade. Tamén mañá será o día da Final das Olimpíadas Escolares organizadas polo Concello en colaboración coa Fundación CNAE, entre as 10.00 e as 13.00 horas no Pazo da Cultura.
Escolares de quinto e sexto curso de Primaria de nove centros escolares de Narón (Ponte de Xuvia, Ayala, O Feal, Piñeiros, Santiago Apóstol, A Gándara Virxe do Mar e A Solaina) participan nesta iniciativa -máis de seiscentas rapazas e rapaces- que comezou o pasado mes de xaneiro.
De cada aula saíu elixido –tras superar unha proba teórica e outra práctica- un aula, que será a que dispute os premios da final, tras a pertinente rolda de preguntas. O alumnado realizou unha serie de murais e maquetas sobre Melloras da seguridade viaria en Narón, tamén puntuables, que se poden ver ata o venres, día 11, na Sala de Infantil da Biblioteca municipal, en horario de 17.00 a 20.00 horas.
Ao longo da tarde de mañá continuará o Parking Day na Praza da Gándara, cun obradoiro de cerámica entre as 17.00 e as 18.00, aberto á participación da cidadanía en xeral; un encontro de palilleiras entre as 17.00 e as 19.30 e sesións de musicoterapia, de 18.00 a 19.00 horas, abertas tamén ao público en xeral. A maiores, entre as 17.00 e as 19.00 haberá unha exhibición e clases de iniciación ao skate nas instalacións de Evo Skate, na Faísca.