FERROL360 | Luns 9 setembro 2019 | 00:00
O Concello de Narón convoca aos responsables dos locais de hostalería do municipio a unha xuntanza o martes, ás 17.30 horas, co fin de presentarlles as novas liñas de acción no sector que se impulsarán dende a administración local. A cita terá lugar na sala de reunións da terceira planta do Concello.
O concelleiro de Promoción Económica, José David Pita, explica que «o obxectivo desta xuntanza é achegar aos profesionais da gastronomía e a hostalería naronesa as novas actuacións a desenvolver, dirixidas á promoción do sector e a poñer en valor a riqueza deste territorio e, nomeadamente, a da nosa ría».
Ademais, a xuntanza servirá para abordar tamén a celebración da Segunda Semana do Marisco da Ría, logo da exitosa experiencia iniciada o pasado ano. Pita asegura que «temos unha ría moi rica en especies comerciais de gran calidade. Estamos empeñados en poñer en valor as nosas potencialidades e para iso, é imprescindible artellar as accións co sector hostaleiro».
Os produtos protagonistas serían, como no caso da edición do pasado ano, cinco especies de marisco dunha calidade extraordinaria: ostra salvaxe, zamburiña, ameixa rubia, mincha e carneiro. Poderanse degustar en formato tapa, menú ou ración, dependendo do establecemento.
O edil salienta que co obxectivo de contribuír na medida do posible á mellora da formación práctica, celebrarase próximamente un novo obradoiro e un showcooking.
Debate sobre el post