Publicidad

Narón recibe a cinco nenos dunha rexión cercana a Chernóbil que pasarán o verán con familias de acollida

REBECA COLLADO | Narón | Xoves 25 xuño 2015 | 18:15

Cinco pequenos procedentes dunha rexión cercana a Chernóbil pasarán os meses de verán en Narón con familias de acollida. Os nenos teñen idades comprendidas entre os 7 e os 12 anos e adáptanse moi ben, aínda que só levan no municipio catro días.

Este mércores os rapaces foron recibidos pola corporación local, que entregoulles un vale de 60 euros para material deportivo e escolar. A concelleira de Acción Social, Catalina García, dedicou aos pequenos unhas palabras de benvida en ruso e desexoulles que pasaran unhas boas vacacións.

García indicou ademias que «a familia medra e aumenta», xa que «o ano pasado tiñamos a dous nenos e este ano temos a sorte de ter a cinco». A edil tamén aproveitou a ocasión para felicitar ás familias «polo esforzo que facedes e pola dedicación que ides ter con estes nenos».

Pola súa banda, o alcalde José Manuel Blanco agradeceu a Ledicia Cativa, entidade promotora da iniciativa, o traballo que realizan durante todo o ano e que permite a estancia dos rapaces en Narón. Blanco asegurou que a organización «sempre vai ter a porta aberta do Concello» e das familias dixo que «sen elas sería imposible que isto fose unha realidade».

A asociación Ledicia Cativa é a ONG promotora da iniciativa e é a encargada de realizar os trámites necesarios para que algúns menores que residen nas proximidades da central de Chernóbil poidan pasar o verán con familias de acollida. Traballa con 35 concellos de Galicia, dos que so Narón e Cariño son da comarca.

Os concelleiros de Narón foron os encargados de entregar aos peques os agasallos (foto: R.C.)
Os concelleiros de Narón foron os encargados de entregar aos peques os agasallos (foto: R.C.)

Publicidad

Banner Error Ferrol