FERROL360 | Venres 2 maio 2014 | 13:19
O teatro en Narón é un sinal de identidade. A súa aposta por esta arte tradúcese nun empeño por estruturar unha programación teatral semanal estable. Ademais, dende hai trece anos, implícase na organización dunha Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil e na posta en funcionamento da Escola de Formación de Actores e Actrices municipal.
A labor desenvolvida en prol do teatro por parte do Padroado de Cultura do Concello de Narón durante os últimos anos será recoñecida a través do galardón que outorga a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), para o apartado ‘Institucións Culturais 2014’.
O premio será entregado este sábado na quinta edición da Gala das Letras, que terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra. Ao acto acudirán o alcalde naronés, José Manuel Blanco, e o director técnico do Padroado, Luciano Fernández.
O premio recoñece a «aquelas entidades que contribuísen á divulgación da lingua e cultura galegas, a través do apoio ó teatro galego que, por extensión, significa o respaldo á normalización da cultura e a lingua galega».
O Padroado compartirá este recoñecemento con outras institucións galegas, como as áreas de Cultura das deputacións de Lugo e de A Coruña e coa programación anual de teatro do Concello de Tui.