FERROL360 | Xoves 4 xullo 2018 | 18:37
O Oenach Atlántico prepárase para celebrar o seu 20 aniversario cunha auténtica festa rachada. Na parroquia de Sedes, no Trece, recrearase a vida dun poboado celta do 27 ao 29 de xullo nunha programación que comprende música, teatro, actividades para peques e maiores e moita festa.
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e as concelleiras de Cultura, María del Carmen Espada, e de Turismo, Natalia Hermida, presentaron este xoves o evento xunta a representantes da Asociación de Veciños Rosa dos Ventos de Sedes e do Grupo de Teatro Comunitario da parroquia.
O Concello impulsa esta festa de Interese Turístico de Galicia no seu vixésimo aniversario cunha ampla programación con concertos e representacións teatrais de calidade e cunha oferta dirixida especialmente ao público familiar, con multitude de actividades para os máis pequenos.
O Oenach arrincará o venres 27 xa pola noite, ás 22.00 horas, co tradicional acendido do lume e co espectáculo Dolmen que será estreado nesta 20 edición pola compañía do coñecido artista Pablo Méndez, inspirado na mitoloxía celta. A partir das 23.00 comezará un festival musical para os amantes da música de raíz, cos concertos de Dubidá Trío e de Cristian Silva.
O sábado 28 estará repleto de xogos, obradoiros e espectáculos desde as 11.00 da mañá e ata a sesión vermú, con Lenda Ártabra. As actividades continuarán durante toda a tarde e ás 17.00 horas María Fumaça, o grupo estrela do público miúdo, protagonizará o concerto principal desta xornada.
Ás 22.30, o Oenach vivirá o momento máis esperado, a súa tradicional Noite no Castro, cunha recreación teatral protagonizada polos veciños e veciñas do Grupo de Teatro Comunitario de Sedes sobre a vida cotiá nos castros.
O domingo 29 as actividades comezarán de novo a partir das 11.00 e continuarán durante todo o día con teatro, xogos e obradoiros e a animación do Cuarteto Rinchón. Ademais, a compañía de títeres Tanxarina representará o seu espectáculo “Trogloditas” ás 12.00, ás 17.00 e ás 18.15 horas.
O turno do Grupo de Teatro comunitario de Sedes será ás 13.00 horas e o concerto de clausura será ás 19.00 horas co grupo de música tradicional Mayalde.
Ademais das actividades e concertos, os asistentes terán tamén unha zona gastronómica na que poderán probar diferentes produtos elaborados con porco celta, a raza autóctona galega que está en recuperación grazas aos pequenos produtores.
Na presentación, a alcaldesa destacou o feito de que o Oenach Atlántico alcance este ano a súa vixésima edición «máis vivo que nunca» e agradeceu o labor das veciñas e veciños de Sedes «durante todo o ano e os propios días da festa facendo as recreacións que se suceden na campa».