Publicidad

Neda amplía a 93 prazas o programa ‘Conciliamos Xogando’

FERROL360 | Mércores 27 xuño 2018 | 9:34

Un total de 93 nenos e nenas participarán este verán no programa Conciliamos Xogando convocado polo Concello de Neda para facilitar a conciliación persoal, familiar e laboral da familias da vila. Deste xeito, se amplía o número de prazas inicial, marcado en 75, ante a grande demanda de peticións.

Desde o goboerno local salientan que, tal e como xa ocurreu na convocatoria do ano 2017, este programa amplía as súas prazas ao recibir un total de 106 solicitudes. Unha cifra, sinalan desde o Concello, que «vén confirmar que a necesidade existe».

Así, desde o Concello sinalan que a maioría das peticións desestimadas foron as presentadas por familias de concellos limítrofes. E é que as familias de Neda teñen preferencia de inscrición neste programa, así como as que se atopan en situación de emerxencia social, monoparentais, nais e pais traballadores e as que teñen persoas dependentes ao seu cargo.

Este programa de carácter gratuíto arrincará o próximo luns, día 2 de xullo, e está orientado á participación de menores con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos. As instalacións do CEIP San Isidro acollerán un servizo que se desenvolverá de luns a venres, en horario de 8.45 a 13.45 horas.

O programa correrá a cargo dun grupo de profesionais da empresa Gazapo, que resultou adxudicataria dunha prestación que saíu a contratación por importe de 14.000 euros.

Ata o martes 31 de xullo, os 93 participantes tomarán parte en excursións, actividades ao aire libre, xogos tradicionais, manualidades e mañás na piscina municipal, así como en opcións de ocio relacionadas co medio ambiente e a reciclaxe.

Estas dúas últimas actividades foron incluídas a petición do goberno municipal «por considerar que son materias que axudan a educar aos nenos/as no cuidado e conservación da natureza».