FERROL360 | Xoves 23 maio 2019 | 14:14
O Concello de Neda organiza para a primeira fin de semana de xuño a IV Feira no Camiño, unha iniciativa coa que se persegue fomentar a participación cidadá e dinamizar o municipio desde o punto de vista social pero tamén económico.
A rúa Real volverá a acoller unha cita aberta á participación gratuíta de comerciantes de alimentación, artesanía e produtos en sistema de re-venta, de segunda man. O horario de apertura da feira será de 11.00 a 15.00 e de 17.00 a 22.00 horas.
As persoas que poidan estar interesadas en participar teñen de prazo ata este sábado, 25 de maio, para inscribirse a través do correo electrónico do departamento de Cultura: cultura@neda.es. O modelo oficial de solicitude xa está accesible na páxina oficial do Concello e mesmo nas dependencias municipais.
Ademais da instancia, os interesados deben achegar a seguinte documentación: ficha de participación, fotocopia do DNI, fotografía recente do posto de venda así como dos produtos a comercializar e unha declaración asinada conforme o titular da solicitude ten realizado o pagamento do Seguro de Responsabilidade Civil.
No caso dos postos de alimentación ademais haberá que acreditar que a persoa que estará ao frente do posto é apta para a manipulación de alimentos.
A localización e distribución dos postos será competencia exclusiva da organización que ademais asume a contratación do servizo para a vixilancia do recinto, a difusión do evento e a decoración e ambientación da feira mediante a contratación de diferentes actividades.
Pola súa banda, os comerciantes estarán obrigados a manter o espazo limpo, a levar as mesas e soportes necesarios para expor a súa mercancía, a facer uso de lámpadas de baixo consumo e a comezar a montar os postos no antes da tarde do venres 31 de maio ou a partir das oito da mañá do mesmo sábado día 1 de xuño.
Debate sobre el post