FERROL360 | Martes 24 outubro 2017 | 10:37
Uns 2.000 veciños de Fonte Vella, Viladonelle e Roxal xa están a recibir nas súas vivendas o sinal que lles permite ter acceso a todas as canles de televisión, unha situación que ata agora non se estaba a dar pola zona de sombra do Monte de Marraxón e que viña supoñendo un agravio comparativo con respecto ao resto da veciñanza de Neda.
O traballo, contratado polo Concello á empresa GST por importe dun 6.000 euros, consistiu na reubicación de antenas receptoras de sinal e na ampliación de canles TDT no reemisor situado na zona de Roxal.
O goberno municipal recoñece que esta irregularidade estaba a xerar moitas queixas por parte dos veciños afectados, ao tempo que destaca a importancia que ten a televisión para persoas que viven soas ou maiores do medio rural.
Melloras de camiños
A Xunta de Goberno celebrada este luns tomou o acordo de sacar a licitación o proxecto de pavimentación e mellora de camiños en Mourela-Roxal, por importe de 104.260 euros. Trátase dun conxunto de seis actuacións incluídas no Plan de Aforro e Investimentos da Deputación da Coruña.
En total, as intervencións previstas suporán unha mellora en máis de dos quilómetros e medio de lonxitude de vías municipais, que serán tratados con aglomerado asfáltico en quente e nos que tamén se incrementará a seguridade viaria coa renovacións de sinales e o pintado das marxes.
