Publicidad

Neda pon en marcha a Campaña de recollida de alimentos para as familias con escasos recursos

FERROL360 | Xoves 27 novembro 2014 | 16:12

Os veciños de Neda xa poden participar na Campaña Solidaria de Recollida de Alimentos para familias con escasos recursos económicos. Deste xeito, ata o vindeiro 15 de decembro, os interesados en colaborar poden depositar os alimentos, produtos non perecedoiros, nos puntos habilitados, que son os seguintes:

Grandes superficies comerciais do municipio, o Eroski; nos locais municipais de entidades sociais da vila, A VV Anca, A VV Ancos, A VV O Roxal, CCRD de O Puntal, A VV Viladonelle e Asociación de Amas de Casa e nas oficinas municipais da casa consistorial. Neste último caso, en horario de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres.

Así, o Concello de Neda prevé entregar as cestas de Nadal ás familias con escasos recursos a partires do día 17 de decembro, así como os cheques-agasallo para aquelas que teñen fillos menores de idade. Vales de corenta euros a canxear por xoguetes e material deportivo en establecementos fixados pola Administración local.

Pola súa banda, as cestas incluirán, entre outros alimentos, turróns, café, aceite, lacón, pasta, arroz, azúcar ou leite. Elaboraránse tanto cos productos procedentes de Cruz Vermella como da campaña que agora comeza e das reservas do propio Concello de Neda.

O goberno local poñía en marcha esta iniciativa por primeira vez en 2011 e reedita este programa este ano dada a positiva resposta amosada pola veciñanza en edicións anteriores.