FERROL360 | Domingo 25 xullo 2021 | 15:00
Fomentar hábitos de vida saudables a través da práctica deportiva ao tempo que dar a coñecer o extraordinario patrimonio natural do municipio son os obxectivos das andainas saudables que organiza o Concello de Neda.
O programa contempla dúas rutas circulares pensadas para toda a familia, de dúas horas de duración e dificultade media baixa e baixa. A primeira delas terá lugar o sábado 31 de xullo, a partir das 9.30 horas, e discorrerá por Albarón, Mourela do Medio, Escorial, Cruz do Pouso, Mirador de Ancos, Casadelos, e regreso a Albarón.
A segunda, prevista para o sábado 7 de agosto, terá como punto de partida a polideportiva do Roxal, e tomará rumbo a Foxos, Fontevella, Gandarela, Escorial, Mosteirón, Mourela de Abaixo e senda do Río Belelle.
A inscrición está aberta en ambos casos e o prazo para a primeira concluirá o venres 30 de xullo, mentres que para a segunda pecharase o venres 6 de agosto. Hai un total de 40 prazas ofertadas e cubriranse por orde de inscrición.
Para anotarse hai que chamar o teléfono 981 39 02 33 de luns a venres en horario de 9.00 a 14.30 horas ou ao 667 393 192 de luns a venres de 17.00 a 20.00 horas. A participación é de balde.
Debate sobre el post