FERROL360 | Mércores 20 xuño 2018 | 9:43
O goberno local de Neda vén de sacar a contratación a totalidade das obras incluídas no POS+ 2018, no que se inclúe o proxecto que transformará a zona de Subarreiros en una zona de lecer para toda a familia. Un proxecto orzamentado en 106.585,11 euros.
A actuación consiste na construción dunha pista polideportiva, a ampliación do parque infantil xa existente, así como na instalación de mesas con asentos incorporados, para facer da zona un espazo común de familias e afeccionados ás actividades de ocio e deportivas ao aire libre.
A instalación deportiva, cuxas dimensións serán de 45 metros de longo por 25 de ancho, estará preparada para xogar ao balonmán, baloncesto, voleibol, e tenis, mentres que o espazo infantil completarase coa colocación de seis xogos máis e a instalación dun peche perimetral para delimitar a zona dedicada aos pequenos.
En setembro de 2017 o Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentacion y Medio Ambiente outorgou ao Concello de Neda a concesión de uso, por espazo de trinta anos, de case 14.000 metros cadrados de dominio público gañados no seu día ao mar.
Dentro do POS+ 2018 tamén se inclúen as obras de aglomerado nos viais Bernés-Pedrós, Porta da Pena-Chao da Aldea e no camiño do Cal, cuxo importe total supera os 82.000 euros. Os proxectos consisten en dotar de aglomerado dúas calzadas, que suman algo más de 1.400 metros lineais. A limpeza de cunetas, así como a renovación da sinalización horizontal son outras actuacións contempladas nas intervencións.
Desde o goberno local de Neda sinalan que cun procedemento aberto e supersimplificado se garante a máxima axilidade á hora de contratar unhas actuacións «importantes e necesarias tanto desde o punto de vista social como de seguridade viaria», asegurou o alcalde, Ángel Alvariño.
