Ferrol360 | Xoves 6 xuño 2024 | 12:25
Neda únese á rede que impulsan a nivel estatal Ecoembes e SEO Birdlife co obxectivo de concienciar do problema da presenza de refugallos en espazos naturais. A incorporación a #Mipueblosinbasuraleza suporá, entre outras accións, o desenvolvemento de varias limpezas colaborativas ao longo do vindeiro outono.
Así, tras a fin da tempada estival, está previsto que o municipio se sume cunha limpeza á campaña «1m2 polas praias e mares», que incluirá a recollida e caracterización dos residuos atopados no litoral do municipio. Unha proposta que se repetirá de cara a finais de ano terra a dentro nun monte municipal.
En paralelo, o Concello contribuirá á difusión das campañas de sensibilización de Ecoembes e SEO Birdlife sobre o impacto no medio ambiente da «basuraleza», é dicir, o lixo abandonado nos espazos e areas naturais, animando á veciñanza e aos visitantes a que desfruten da localidade de maneira sostible e responsable.
Con Neda son xa unha vintena os municipios galegos que forman parte desta rede ambiental, que suma en todo o país a unhas 900 localidades. Na área de Ferrolterra forman parte tamén de #Mipueblosinbasuraleza Fene e Pontedeume.
Debate sobre el post