FERROL360 | Xoves 22 outubro 2015 | 18:18
O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol acolle este mércores e xoves a celebración do XIII Congreso Nacional de Enfermaría Dermatolóxica, que a Asociación Nacional de Enfermaría Dermatolóxica e Investigación do Deterioro da Integridade Cutánea celebra de xeito bienal.
Máis de 120 profesionais de toda España relacionados coa enfermaría, a dermatoloxía, e a integridade cutánea danse cita este días no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide para afondar en temas relacionados con estes ámbitos, como son os novos tratamentos, maquillaxe terapéutico, unidades de feridas e as consultas de cura.
Así, haberá mesas de debate sobre urxencias dermatolóxicas, coidados dos pés, dermatoloxía e patoloxía vascular; fotografía e feridas; vendaxe neuromuscular e feridas; terapia compresiva con vendaxe multicapa, e actuación ante o biofilm.
Trátase de «facer un congreso que inclúa temas tratados amplamente, como a dermatoloxía e as feridas, e que aborde distintos aspectos dentro deses temas. Queremos, non só escoitar unha conferencia, se non poder debater, preguntar e afondar», explica Luis Arantón, director de Enfermaría da Xerencia Integrada de Ferrol e presidente do Comité Científico do encontro.
Fotodinámica e Fototerapia
A Xerencia Integrada de Ferrol participa activamente neste encontro aportando a súa experiencia en cuestións como a cura en ambiente húmido, a terapia fotodinámica e a fototerapia, a urticaria crónica, e a reparación da ferida oncolóxica
Para afondar na terapia fotodinámica e a fototerapia, a profesional de Enfermaría da Xerencia Integrada de Ferrol, Amanda Piñeiro, falará sobre as novas técnicas de tratamento que se introduciron nestes últimos anos e que empregan fontes de luz combinadas coa aplicación tópica ou externa de sustancias para «o tratamento de algúns cancros de pel non melanoma ou lesións precursoras de cancro non melanoma».
Debate sobre el post