Publicidad

O alcalde de Pontedeume pide seriedade ao PP á hora de falar das obras do mercado

FERROL360 | Mércores 3 febreiro 2016 | 18:33

O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, pide seriedade ao PP cando fale das obras do mercado porque di que achacar ao seu goberno o retraso das actuacións é mentir á cidadanía. «Nestes oito meses déronse os pasos necesarios para liquidar o problema que herdamos do antigo goberno», afirma nun comunicado o rexedor.

En opinión de Fernández, os populares deben «pedir desculpas aos veciños e vecinas da vila pola nefasta xestión de todo o relacionado co mercado». Ademais, o alcalde afirma que é moi sinxelo desmontar as acusacións do PP, xa que sostén as obras non poderían ter comezado en 2015 porque o proxecto de execución do mercado rexistrouse no Concello o 31 de xullo de 2015.

«Cando cheguei á alcaldía non había nin proxecto de execución, nin autorización de Patrimonio, nin convenio», o que implica que os investimentos non se poidan executar legalmente, asegura Fernández.

Compra da Agraria

En canto á compra da Agraria, o rexedor explica que para non demorar máis a obra o goberno local levou a pleno a aprobación do crédito para esta compra, a pesar de non estar en absoluto de acordo co prezo marcado pola Xunta.

«Pagarémolo porque o tempo corre en contra dos intereses do mercado», di Bernardo Fernández, que espera que as visitas dos populares eumeses aos seus compañeiros de partido «non teñan nada que ver coa negativa da Xunta a negociar ese prezo pola cesión do local de Forendes».

O alcalde acusa ao voceiro popular de defender a actitude da Xunta en contra dos intereses dos veciños, porque considera que ese edificio debería ser do Concello, se os gobernos anteriores tiveran reclamado a súa titularidade.