MARTA CORRAL | Ferrol | Sábado 5 decembro 2015 | 12:31
O Apalpador, o xigante carboeiro que vén polo Nadal para encher os bandullos dos cativos cunha presa de castañas desexándolles que estean así de fartos todo o ano, chega un ano máis a Ferrol da man da Fundaçom Artábria, mais, desta volta, tamén contará por primeira vez dende a estrea da súa primeira ruada na cidade naval aló polo 2008 coa colaboración do Concello.
A presentación da iniciativa tivo lugar este venres no concello, contando coa presenza do concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea e máis dun responsable da Fundaçom, Bruno Lopes.
Pola súa banda, Basterrechea destacou o «mérito» dos esforzos feitos pola entidade para recuperar esta e outras das tradicións «do país», ate o de agora sen axuda das institucións, reiterando o compromiso do actual goberno para apoiar as iniciativas dunha das «asociacións máis dinámicas e menos apoiadas da cidade».
Ruada e concurso de debuxo escolar
Bruno Lopes explicou que será o vindeiro domingo 20 de decembro cando o Apalpador percorra Ferrol desde as 16:30 horas, saíndo da súa sé en Esteiro até o barrio da Madalena, e repartindo agasallos aos cativos ao seu paso co obxectivo de «fidelizar esta figura da cultura galega» entre os ferroláns.
Ademais, Lopes explicou en que consiste o concurso escolar de debuxo Conhecendo O Apalpador, no que participan os centros da comarca e tamén doutros municipios galegos coma Compostela, e que este ano celebra a súa cuarta edición.
Poderán participar nenos en tres categorías: de 3 a 5 anos, de 6 a 8 anos e de 9 a 12 anos. As bases poderán consultarse no seu blogue e, tanto os premios coma a súa difusión «pegou un salto cualitativo coa axuda este ano do Concello».
Lopes non descarta que o Apalpador poida ter unha xuntanza co rexedor, Jorge Suárez, e, quen sabe, dentro dun tempo, «alén dunha árbore de Nadal na praza do concello tamén teñamos a figura dun xigante carboeiro do Courel».
Debate sobre el post