FERROL360 | Luns 23 marzo 2015 | 15:01
O Ateneo Ferrolán ten preparadas diferentes actividades para conmemorar o Día Internacional do Teatro, que se celebra este venres. Así, haberá unha presentación dun libro sobre teatro, unha representación da Escola de Teatro do Ateneo e o sábado un espectáculo de marionetas.
As actividades arrancan o venres día 27 de marzo ás 19:30 horas coa presentación do libro de teatro Lingua de Lata, dos autores Francisco Oti Rios e Julio Fernández Peláez. A encargada de presentar o acto será Ánxela Loureiro.
A continuación, haberá unha representación da Escola de Teatro do Ateneo, así coma a lectura do Manifesto Galego. Ademais, diferentes grupos de teatro profesionais e non profesionais de Ferrolterra interpretarán pezas de microteatro e Match de Improvisación.
Ao día seguinte, o sábado 28 de marzo ás 12:00 horas, haberá un espectáculo de marionetas para público familiar e infantil, baixo o título La gallina de los huevos de oro, de Plamen Ivanov Dipchikov.
A entrada para os socios e público infantil é de 3 euros e para os que non sexan socios de 5 euros.

