ARY LÓPEZ | Mércores 11 setembro 2013 | 11:30
Para moitas memorias mozas, falar do 11-S é pensar nos atentados terroristas que tiveron lugar en Estados Unidos no ano 2001.
Con todo, na nosa era máis recente houbo outro 11-S sinalado no calendario do mundo que significou o golpe de Estado por parte das Forzas Armadas de Chile, para derrocar ao presidente socialista Salvador Allende e ao goberno da Unidade Popular.
Cúmprense hoxe corenta anos desa acción militar que levou a Augusto Pinochet a colocarse no poder, encabezando unha ditadura que se prolongou ata o ano 1990.
Con esta temática como motivo central, a Asociación Cultural Fuco Buxán de Ferrol organiza a proxección dun documental titulado El diario de Agustín. Nel inclúense vivencias e experiencias dos protagonistas e os seus familiares, arredor dunha historia de abusos dos dereitos humanos durante a ditadura de Pinochet. A película reflicte a investigación levada a cabo por un grupo de estudantes de Xornalismo da Universidade de Chile sobre o encubrimento destes feitos por parte do diario chileno El Mercurio para apoiar o réxime totalitario.
A entidade organizadora pretende «neste momento de grave crise nos medios de comunicación» amosar con este documental «valiosas leccións desta esperanzadora construcción visual que actualiza o inesgotable dilema entre información e verdade».
A proxección do filme, dirixido por Ignacio Agüero en 2008, terá lugar este mércores ás oito da tarde no salón de actos do Ateneo Ferrolán. A esta cita cultural sucederalle unha mesa redonda en vindeiras datas.
Debate sobre el post