FERROL360 | Martes 4 novembro 2014 | 14:25
O BNG de Ares quere mostrar o seu rexeitamento á decisión do Ministerio de Fomento de converter parte da ría de Ares en zona de servizo dos portos de Ferrol e A Coruña. Os nacionalistas explican que deste xeito a ría será «o vertedoiro dos portos de A Coruña e Ferrol».
O voceiro do grupo municipal do BNG, Emilio Mesías, afirma que «non é de recibo que se fixese unha grande aposta pola recuperación da ría co proxecto de saneamento e depuración» para agora instaurar unha actividade que «vai potenciar a permanencia de grandes buques, maior tráfico dos mesmos e, conseguintemente, aumento de actividades que xeran contaminación».
Neste senso, Mesías recalca que «se saneamos para recuperar a ría, potenciar a pesca e o marisqueo, non podemos convertela agora nun fondeadeiro». Ante esta situación, o BNG presentará unha batería de iniciativas no Congreso dos Deputados e ante a Xunta de Galicia para recabar máis datos.
Así, pedirán no Congreso que se aclare «a zona de afectación e as actividades que se teñen pensado permitir na mesma, que non se explicitan na Orde». Ao mesmo tempo, preguntarán á Xunta «se está de acordo en que mentras que ela sanea outros aumenten a contaminación». Ademais, presentarán unha moción sobre este asunto no Concello de Ares e sopesan a posibilidade de articular un movemento social de oposición a esta decisión.