FERROL360 | Martes 9 decembro 2014 | 12:24
O BNG de Ares non está de acordo coa aprobación dunha nova ordenanza fiscal para a prestación do servizo de colectores e estacións de bombeo da EDAR do municipio. Así, os nacionalistas presentan unha alegación contra o acordo adoptado polos grupos PSOE, PP e NAL para levala a cabo.
Segundo explican desde o Bloque, «este acordo suporá para as persoas que non teñen acometida de auga de uso doméstico un pago de 80,08 euros/ano, para o uso comercial 189,20 e para uso industrial 580,80». Por último, indican os nacionalistas, as persoas que teñen acometida da rede municipal de auga paragarán por consumo.
O BNG considera que a taxa «non se aplica co ánimo de compensar os gastos derivados dos bombeos da rede da EDAR, senón simplemente con criterios recadatorios para reducir a débeda municipal».
En opinión dos nacionalistas, o axeitado sería «adecuar a ordenanza existente sobre sumidoiros ao novo custe do servizo porque do contrario, o que vai pasar é sinxelamente que imos ter que pagar dous recibos diferentes polo servizo de saneamento».
Ademais, desde o BNG denuncian que neste acordo non se contemplan deduccións por situacións familiares e económicas. Asimesmo, critican que na taxa se indica que o recibo será trimestral, pero o primeiro pago está previsto para o mes de xullo de 2015.
Debate sobre el post